3.13.2012

Traballadores da Cultura

Como prometín na #2 edición deste, o meu blog, volvín á A Peregrina. Esa casa-taller situada nos límites de Sarela de Arriba, onde se fraguan interesantes proxectos, onde conflúen interesantes persoas, e que en consecuencia dan lugar a interesantes, por que non dicilo, reportaxes.

O motivo, ou mellor dito, os motivos da miña visita, son tres: Culture Workers o F.A.C., e Ania González (Vigo, 1977), que funciona como punto de ancoraxe. Ela, licenciada en dereito, decidiu realizar un cambio radical na súa vida. Deixou un traballo estable e ben remunerado en Barcelona, no que levaba tres anos como avogada, para intentar que a súa profesión e a súa paixón, a arte, foran un.

Mentres estudaba dereito en Compostela, alá a finais dos noventa, e xunto con dous compañeiros de carreira, creou a Iniciativa Curva, conseguiu que o vicereitorado cultural da USC lles cedese un espazo na residencia do Burgo das Nacións, unha sala que adaptaron para a realización de recitáis de poesía e exposicións varias (nas que estiveron presentes artistas-promesa do momento coma Jorge Perianes ou Pablo Orza) e demostraron que as inquedanzas artísticas non entenden de licenciaturas, títulos ou burocracia. Ao ano seguinte estiveron no Coro da Igrexa da Universidade co programa Decoros 2000 onde participaron Eduardo Valiña e Montse Cea que farían despois o Procesalia 2001.

"A cultura é todo o que facemos inconscientemente"


Culture Workers
Xa dende Barcelona, e con calma, convertiuse en avogada estudando a distancia. Alí, onde atoparía diversos traballos coma pasante, secretaria e finalmente coma asesora legal nunha importante empresa a nivel internacional, non deixou de formarse no ámbito da arte e realizou no MACBA un Programa de Estudos Independentes onde se especializou en museoloxía e teoría do discurso. Aquí chegamos á creación de Culture Workers.


"No 2008 eu estaba a comezar o PEI no MACBA e Manolo Borja Villel deixou a direción e foise para o museo Reina Sofía. Nese momento dixemos, por que non presentar unha proposta colectiva para dirixir o MACBA?", en lugar de que dependa dos gustos ou formación específica dunha persoa, e para que puidesen participar persoas de diferentes ámbitos nunha sorte de proxecto "interdisciplinar". Así, Ania xunto coa publicista Paula Mourenza, e o artista Jesús Rodriguez Santos, crearon un grupo de traballo colectivo. Presentáronllo a Pedro Soler, nese momento director de Hangar. En dous días intensos de traballo, con pequenos grupos nun workshop, conseguiron crear unha proposta estruturada e organizada para a direción do museo de arte contemporánea de Barcelona. O proxecto foi ben acollido, e Pedro Soler cruñoulles o nome de Culture Workers.

Pasado o tempo, e xa de volta en Galicia, o grupo seguiu en activo e realizou unha intervención similar, cun taller de propostas en liña, para a dirección do Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC). O informe foi lido e tomado en consideración.

Culture Workers: personalismos, egos e liberdades 


Comisarios, Antón Reixa e Isaac Díaz Pardo
Ania cuestiona moitos termos e conceptos que semellan asentados no argot artístico e de creación. Non lle interesa a etiqueta de comisariado para nada, "é unha linguaxe policíal" como o do axente cultural, "os axentes, os da Gestapo", sentencia, engadindo: "xa con esto vou gañar os poucos inimigos que me faltaban".

Durante a entrevista, e de forma natural, sairon a coación as palabras de Antón Reixa no programa de Jordi Évole, Salvados, verbo da cultura da fame en Galicia. E Ania, en referencia a utilización desta realidade pasada para a explicación de situacións actuais, xunto coas manifestación artísticas de certos grupos, considerou que "cando rendabilizas un capital simbólico que é colectivo, o que ocorre coas industrias culturais, sacas beneficio dunha forza de traballo colectiva, pero o beneficio leváo un, o empresario, ou cinco, os accionistas", e remata "paréceme máis importante o traballo de Isaac Díaz Pardo que Atlántica".

Antón Reixa, a fame e Isaac Díaz Pardo



F.A.C. OFF
Ania non se arrepinte de ter deixado todo en Barcelona para buscar un modo de vivir acompasado coa súa devoción pola creación artística, pero afirma non calculou "ben a distancia do salto" ata Galicia. Pensou que ía ser moito máis fácil, pero quere crer que "todo o traballo a conciencia acaba por dar o seu froito" aínda que non monetario. Quere crer que tras dous anos sen parar, en diversos proxectos, dun lado para outro, todo pode ser recompensado.    E aquí chegariamos ao presente, ao F.A.C., o último proxecto no que está involucrada, e claramente ilusionada. É o Furancho de Arte Contemporánea de A Peregrina, que se presentará o vindeiro 23 de Marzo, na casa d'A Peregrina, do que forma parte xunto con Diego Vites e Olmo Blanco, e así explica ela cal é o seu cometido:

"É un proxecto artístico autoxestionado. É un espazo intermedio para a arte, nin comercial, nin institucional, e non mediado por intereses alleos aos da creación, que adopta unha estratexia da contorna en Galicia, que é o furancho. O furancho é ese local no que cos medios que tes no galpón da túa casa vendes ou das salida ao excedente de produción propia, normalmente de viño. Pois neste caso nós somos un excedente cultural nesta contorna, e ademáis somos unha comunidade de artistas que teñen un excedente de produción propia que ás veces non se pode mostrar. Coa idea de dar saída a ese excedente xurde o F.A.C., coa estratexia de furancho."

A inauguración será o venres 23 coa exposición F.A.C. OFF, toda unha declaración de intencións, comenta Ania, e que xurde como unha necesidade propia, de forma paralela ao mercado oficial. Terán páxina web dispoñible esta fin de semana. CULTURADESEU estará alí, cámara en man e con reporteiro e todo.

 Emprender, neoliberais e Nova Iorque


Somos lexión
Moitos temas tratados na miña construtiva conversa con Ania González quedaron no meu móbil, gravados, pero serán para futuras edicións. Gustaríame concluir con que:
Nin ela, nin eu pertenecemos a esa cifra tan manida de cinco millóns e pico de parados. Nós somos quen penduramos dun fío. Pero que poda rachar o algodón non é motivo para nós estar inactivos. Xamais. Nós, coma Anonymous, somos lexión; non esquecemos o que aprendemos pois somos memoria; non perdoamos as inxurias nin as falacias pois non temos nada que perder; agardamos... agardamos polo autobús, polas peitugas abertas de polo na charcutería, e por que algún día alguén se digne a pagarnos polo noso traballo. 
CALVO DIXIT.

P.D.: Macbook, 1.500 euros–Internet na casa, 48 euros/mes–Teléfono con gravadora, cortesía de Vodafone–Cámara réflex, regalo–Dez horas de traballo+colaboración dos teus amigos+un montón de agradecementos+1,344 visitas, non ten prezo.

Español / English

1 comentario:

  1. Ola Manuel,

    Quixera comentar dúas cousas. A primeira, parabéns polo blogue. Certamente, é unha ledicia poder ler crónicas sobre o que está a pasar ben preto de nos.

    A segunda é unha pequena corrección de nomes. Trátase de Eduardo Valiña e Montse Cea, que aínda que a errata é simpática, os paisanos non a merecen, ho!

    Gracias, un saúdo e adiante.

    ResponderEliminar



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...