8.30.2014

O homosexual na pantalla (III)

Saíndo do armario

"Estaba enfermo de que a xente, e inclusive xente gay, me dixera que era máis fácil ser gay agora. Quizais é máis fácil ser gay unha vez estás fóra do armario. Pero non creo que sexa máis fácil saír, non máis do que algunha vez o foi."
(Wilde, en Fouz-Hernández, 2008, School is out: the British ‘Coming out’ Films of the 1990s)

Fotograma de Get Real
Patrick Wilde escribiu a finais dos noventa What’s Wrong with Angry, unha obra teatral na que se baseou Simon Shore para filmar Get Real (1999). Xunto con Beautiful Thing (McDonald:1996), este filme é un perfecto e clásico exemplo de “saír do armario” –comming out— dentro das películas británicas deste xénero, que conta cunha filmografía máis extensa e comprometida que a española.
Ambos filmes teñen basicamente o mesmo storyline: un mozo gay arredor dos 18 anos, que se atopa descubrindo a súa homosexualidade e que a recoñece, e outra personaxe que está confusa sobre o que realmente sinte e que ten un primeiro encontro sexual co protagonista. Ambas cintas están concibidas como en Priest con paralelismos entre luz/público e escuro/privado. Nas dúas películas a escola (especialmente os patios, onde teñen lugar a actividades deportivas) e a casa familiar (a excepción dos dormitorios dos protagonistas que funcionan como armarios onde a acción homosexual ten lugar) están gobernados pola lei heterosexual y en consecuencia se converten en espazos de masculinity performance. En contraposición, o espazo homosexual está construído en espazos pechados coma un bar, un baño público durante o día, ou, pola noite, o bosque.

Ambas cintas acadan o seu clímax cando a distinción entre estes territorios previamente delimitados se difumina, e se cruza a fronteira, inferindo un achegamento máis o menos asimilacionista onde a homosexualidade podía ser aceptada como un estilo de vida e non só como unha serie de actos illados, e o que é máis importante, onde é lícito cruzar os lindes daqueles espazos que reteñen os intereses estatais para o control da homosexualidade.

En relación aos mozos frustrados, inseridos nun mundo de “masculinidade”, en ambos filmes Get Real e Beautiful Thing, na escola “o fútbol dálle ao mozo a resposta o problema de como reconciliar o seu desexo erótico, o seu 'feminino' amor polo 'masculino', coa súa ansia de ser un 'macho'" (Simpson cit. en Fouz-Hernández, 2008:152). Os rapaces descobren que o fútbol os sitúa nun universo de homes, onde poden gozar da compaña doutros homes, e do espectáculo do seus corpos.

Por outro lado, indagando un pouco máis nos estereotipos representados, as materias na escola como Teatro ou Literatura, son vistas como algo relacionado co gay e o feminino. Isto atópase en conexión coa crenza de que un profesor afeminado pode “converter” aos seus estudantes en persoas afeminadas. Nos anos 20 en EE.UU, algúns profesores considerados como “amaneirados” eran determinados como non aptos para os postos de mestre, en parte, debido a que se cría que non servían como modelo a seguir para os rapaces. Un psicólogo explicaba a suposta ligazón entre afeminamento e homosexualidade cando escribiu isto, facendo fincapé na misticidade do mesmo:

«Estes homes [homosexuais] producen unha aura de afeminidade tan sutil que é difícil de describir. O feito de que exista demostra a sobrenatural facilidade que os homes homosexuais teñen para recoñecérense entre eles, normalmente de forma instantánea.»
(citado en Blount, J. M., 2000, Spinsters, Bachelors, and Other Gender Transgressors in School Employment, 1850-1990)

No coming out filme Story of a Bad Boy (Donaghy:1998),  esta realidade é palpable. O pai do protagonista e un adestrador de baloncesto que ve como o seu fillo “camiña raro levando botas”, e intenta “curalo” apuntándoo no seu equipo de baloncesto. Porén, o rapaz termina por unirse ao grupo de teatro en contra dos consellos dos seus compañeiros de clase que lle advirten que: “that’s for queers”.

Fotograma de Beautiful Thing.
Porén, McDonald intenta romper con estas dinámicas en Beautiful Thing,  onde a adestradora é unha muller, e onde unha nai solteira xoga o papel “masculino”, en vez de ser a perfecta ama de casa.
O que podemos denominar como “heterosexualidade compulsiva” está tamén presente nestes filmes. En Get Real, as diferenzas de xénero entre o protagonista Steven (Ben Silverstone) e John (Brad Gorton), estabelécense en relación co deporte e o grupo de amigos. John e a estrela do equipo da escola. A súa identidade masculina vese reforzada por seu grupo de colegas, ou, en termos angloxsaxóns, macho wannabies. El confésalle a Steven que comezou a fumar por la “presión de grupo”, o que suxire que esta mesma presión o forza a actuar de forma “normal”, e ter unha moza. A sensación de heterosexualidade compulsiva —compulsory heterosexuality— neste grupo de deportistas é tan grande que os colegas non cuestionan a condición sexual de John cando o atopan abrazando a Steven nos vestiarios.

O rexeitamento por parte de John da súa homosexualidade contrasta fortemente coa cómoda actitude de Steven sobre a súa sexualidade. Cando este lle fala a John sobre anteriores relacións, John cambia de tema e reafirma a súa heterosexualidade falando sobre os seus adestramentos e as súas preferencias futbolísticas.

Os tres filmes – Get Real, Beautiful Thing, Story of a Bad Boy— falan sobre o coming out process desde diferentes puntos de vista. En Get Real, Steven sae do armario durante un discurso na escola, pero John rexéitao e prefire non contar a verdade. En Beautiful Thing, o protagonista e o seu mozo (o veciño que vive ao lado), acaban xuntos bailando Mama Cass diante da veciñanza, desafiando tabús. E en, Story of a Bad Boy, o protagonista termina só, nunha estación de autobús, e decide coller un autocar destino Nova Iorque, buscando liberdade.

Sen estar libres de estereotipos facilmente identificables, estas películas, son intentos de contrarrestar a ausencia de imaxes positivas sobre a homosexualidade na etapa escolar e pre-universitaria. Ao ter a dous mozos da mesma idade mantendo relacións homosexuais, estes filmes elixen darlle á volta, como comentei antes, á lóxica inconsciente de que a homosexualidade só pode existir como resultado da sedución de menores por parte dun adulto pervertido.

Conclusións
Cos exemplos analizados anteriormente, intentei mostrar certos estereotipos do home homosexual presentes no cinema británico e americano, e aínda que non me detiven en valorar arquetipos negativos, presentes noutras películas de temática non-gay, podería ser perfectamente outro tema a analizar. Na miña pequena indagación achei que existen estereotipos positivos sobre o home homosexual, e que o cinema como discurso pode servir como ferramenta para achegar o mundo gay ao público xeral, lonxe de vagas representacións reflectidas e saturadas polos medios de comunicación de masas, como a prensa, a radio e a televisión.

Por suposto non existe unha fórmula instantánea para mudar os pre-conceptos da sociedade. Porén, xa que os prexuízos se asentan no descoñecemento, no mal entendemento e na ignorancia, o cinema pode ser un potente utensilio para previr á expansión e penetración desta ignorancia e practicar, unha anagnórise colectiva, ou algo polo estilo.

O poder dos estereotipos é maior do que a xente adoita pensar. A representación da sexualidade na pantalla pode ser vista como un reflexo especular do que a sociedade é, pero a maioría das veces é a sociedade a que imita á pantalla. Como xa advertín nalgún outro comentario, o problema non se atopa no medio en si, nin na audiencia. O foco deberíase por na mensaxe que se emite, e sobre todo nos promotores desa mensaxe.


197

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...