9.26.2014

Carlos Herrera: "Una sociedad sin periodismo, no es una sociedad libre"

De esquerda a dereita, J. M. Rivera Otero, Pepa Bueno, Antón Losada, Carlos Herrera e Ismael Crespo.

Na tarde do 25 de setembro tivo lugar na capital galega, unha mesa redonda moderada polo xornalista e escritor Antón Losada, incluída dentro do III Congreso Internacional de Comunicación Política e Campañas Electorais, que contou coa participación dos xornalistas Pepa Bueno (Cadena SER) e Carlos Herrera (Ondacero), e os politólogos Ismael Crespo (presidente da Asociación Latinoamericana para la Investigación de las Campañas Electorales —ALICE—) e José Manuel Rivera Otero (xefe do Departamento de Ciencias Políticas das Universidade de Santiago de Compostela.

O debate tivo como tema central a relación existente entre os medios de comunicación e a comunicación política, ou simplemente entre os xornalistas e os políticos —se ben Pepa Bueno, sinalou acertadamente que nunha época de información inmediata resulta obsoleto referirnos a medios de comunicación no seu sentido clásico, como estrutura empresarial organizada verticalmente, cunhas pautas, rutinas, e xerarquías; no mundo da comunicación directa e multidireccional (xa que logo, de feedback mediado pero directo), as denominacións deben mudar tamén, coa intención de entender mellor os procesos tanto de información coma de desinformación.

Durante preto de dúas horas, as intervencións pivotaron arredor da labor que cumpren os xornalistas e os políticos dentro da sociedade, o seu poder de influencia e penetración na poboación, así como o papel da información política nos medios de comunicación actuais, e a súa deriva cara a formatos máis superficiais como poden ser certo tipo de tertulias pretendidamente políticas e serias —para cando este tema se mencionaba, inevitable era mirar que reacción suscitaba o tema en Antón Losada, que se mantivo no papel de moderador todo o tempo.

Tamén se falou sobre o futuro do xornalismo, e Pepa Bueno citou a Miguel Ángel Aguilar —ao igual que o fixera o día anterior Iñaki Gabilondo—salientando a importancia de contar con profesionais que corroboren, contrasten e verifiquen a información, dentro do que denominou unha "inundación de datos" na que vivimos, e en relación a que "cuando se produce una inundación lo primero que escasea es el agua potable"; isto é, historias veraces.

Dentro da necesariamente tensa relación entre os media e política, na súa quenda, a xornalista Pepa Bueno afirmou que o goberno actual, como os anteriores, pero máis, "no cree en la necesidad de rendir cuentas a los ciudadanos a través de los medios de comunicación", e estabeleceu un exemplo por comparación ao mencionar como na Radio 4 da BBC teñen cada día ao ministro do "marrón", non aquel que vai facer publicidade da súa carteira e accións políticas; ou en Francia onde cando Sarkozy "tenía algo que decir a la nación se iba al prime time a someterse a las preguntas del periodista". Así, aceptamos roldas de prensa a través de pantallas de plasma, e en "lugar de hablar de política, hablamos de lo que hacen los políticos, de lo que hicieron de lo que tienen pensado hacer".

Pola súa parte, situado á esquerda de Antón Losada, o xornalista Carlos Herrera, comezou a súa intervención defendendo a labor dos políticos, e considerando que a maioría dos mesmos, son xente honrada, que traballa polo beneficio da sociedade. Non discrepou enerxicamente do afirmado por Pepa Bueno, e coa intención de salientar a relevancia tanto dos políticos como do cuarto poder afirmou categoricamente que "una sociedad sin política es una sociedad plana, pero una sociedad sin periodismo no es una sociedad libre". Resultou interesante, a súa apreciación sobre o poder do que gozamos os periodistas. Como exemplo usou o caso do Watergate, e considerou que non foron nin o Washington Post, nin Bernstein ou Woodward, quen conseguiron que dimitise Richard Nixon, o culpable da súa dimisión foi el mesmo, a través das súas accións. Da mesma forma, considerou o señor Herrera, que ninguén dos medios conseguiu que Gallardón dimitise; a dimisión foi decisión do presidente do seu partido. "Yo puedo ponerle un sapo en el desayundo al ministro de turno, pero nada más", afirmou o xornalista de Ondacero.

O politólogo e presidente de ALICE, Ismael Crespo, fixo fincapé na capacidade dos medios de comunicación para crear un clima político que acaba por afectar ás decisións que toman os votantes en épocas electorais e criticou duramente os infoshows disfrazados de tertulias presuntamente serias que se dan maioritariamente nas canles televisivas, e que banalizan temas relevantes, querendo dar a impresión de estar a realizar unha análise política redonda e fonda; o seu colega, José Manuel Rivera Otero, xefe do departamento de Ciencia Política da USC, quixo pór aceno na relación simbiótica entre medios e políticos, amais de querer reformular as consideracións de quen son os bos e os malos, ao intentar facer comprender aos alí presentes, que da mesma forma que un xornalista sinte frustrado o seu traballo cando non lle permiten realizar preguntas nunha rolda de prensa, o mesmo lles ocorre os políticos e aos seus gabinetes, cando pretenden trasladar unha mensaxe á cidadanía (normalmente interesada), mais os xornalistas acaban por preguntar e escribir sobre asuntos diferentes; os políticos queren impor a súa axenda política, pero ás veces a axenda mediática entra en contradición. Froito finalmente, e así pareceron consensuar os convidados á mesa redonda, dunha relación de necesaria tensión, entre políticos e periodistas.

226

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...