8.22.2014

Eva non quería ser violada

Eva non quería volver soa aquel día á casa. Pero non tivo outra opción. Preto das sete da mañá, mentres o día ía aparecendo no horizonte invisible tras os edificios da cidade, camiñaba con dificultade por culpa dos seus tacóns de agulla e os numerosos gintonics que bebera. Non quería volver soa para a casa porque sabía que unha muller coma ela, guapa, alta, cun mini short, e un top, era parte da estatística de mulleres que acaban por seren violadas ao volver soas á casa de madrugada, ou entrar nun ascensor cun home só (ou dous) ou cambiarse de roupa na súa habitación, a simple vista dos seus veciños.

Pero non quería preocuparse demasiado. Non vivía tan lonxe. Ía co móbil na man. Estaba apagado, pero ía co móbil na man, coma quen leva unha pistola. Collérao no momento no que viu a un mozo negro, que viña uns pasos máis atrás dela. Non é que fóra racista, tería feito o mesmo se fóra un pakistaní, un polaco, ou un de Betanzos. Así que colleu o móbil. Candos sentiu os pasos do home que viña detrás, máis preto aos seus, decidiu improvisar unha chamada. Falsa, pois non tiña batería.

Comezou a camiñar máis rápido, pois notaba que o rapaz a seguía. Craso erro. Eva non podía camiñar con aqueles tacóns, dificilmente podería camiñar rápido. Tropezou e caeu. Ergueuse asustada. Pensaba no hospital e nas cámaras de televisión. "Merda".

Sacou os tacóns. Comezou a correr. O home, berrou. Pero nada que ela puidese entender. Ela, corría máis. O home, correu tras dela. Seguía berrando. Eva non quería que a violasen aquela noite. Sen batería, sen esperanza, comezou a berrar ela. "Socorro!".

A rúa estaba limpa, pero foi Eva topar cun cristal na súa fuxida. A dor foi instantánea e intensa. Ficou no chan. Choraba e pensaba no peor. Flashes de desesperación. O rapaz achegouse, sen folgos. Ela xa non sabía como se defender.

"Estás ben?" Eva, xirou a cabeza. Atónita. "Si". "Caeuche o móbil". "Como?". "O móbil, antes caeuche, porque cres que berraba? Toma anda, non sabedes beber. Estás sangrando? Mimá, vaia corte fixeches. Tes que ir ao hospital. Lévote."

189

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...