8.02.2014

Sufre, e vencerás

O purgatorio, retablo da Igrexa de San Juan de Ortega, en Burgos.
Resulta ás veces insoportable a extraordinaria teima que algúns grupos da sociedade teñen, contra o sexo e o pracer. A comprensión das razóns que levan aos e ás beatas a non recoñecer que o pracer é unha das necesidades para quen queira vivir en liberdade e non perder a esperanza mentres agarda á morte, pasa por ir a aqueles lugares de onde se nutren os que consideran que unha boa vida, é aquela, libre de pracer, e chea de angustia e sacrificio. Xa que logo, abro A Biblia, tras collela, agochada nun estante da casa da miña nai, no medio do corredor que leva á miña habitación. Repaso páxinas, ao chou, e chego aos proverbios —que me tomo a liberdade de traducir ao galego—:
21 
17«Quen ama o pracer verá a miseria,
quen ama viño e aceite non será rico.» 
19«Máis vale morar en terra deserta
que con muller meticulosa e triste.» 
21«Quen busca a xustiza e a piedade
atopará a vida e o triunfo.»
Por outra banda, leo en Ética para Amador (editado en galego por Ariel como Ética para o meu fillo), escrito por Fernando Savater coma unha especie de manual de adolescentes, que dirixe na narración ao seu fillo Amador, daquela —1991— na puberdade:
«É un paradoxo que sexan os que ven algo de 'malo' ou polo menos 'turbio' no sexo os que digan que adicarse con demasiado entusiasmo a el animaliza ao home. A verdade é que son precisamente os animais quen só empregan o sexo para procrear, o mesmo que só utilizan a comida para se alimentar e o exercicio físico para conservar a saúde; os humanos, pola contra, inventamos o erotismo, a gastronomía, e o atletismo.»
E ao final do capítulo cita ao filósofo francés, Tony Duvert:
«O vicio corrixe mellor que a virtude. Soporta a un vicioso e collerás horror ao vicio. Soporta a un virtuoso e pronto odiarás a virtude enteira» (Abecedario malévolo)
Esta semana, tamén lía as memorias de Maruja Torres, Diez veces siete, e non podo deixar de pensar, logo do citado, que a súa nai, beata e puritana, quen non deixaba de reprimila para que encaixara nunha sociedade (a dos últimos anos do franquismo e da transición) cainita, inhibida, e atemorizada polas funestas personaxes que camiñaba baixo o palio da Igrexa católica, é o perfecto exemplo doutras moitas persoas cuxo influxo chegado do XIX teremos que seguir soportando e refutando durante este século, e quizais parte do seguinte; para liberarnos da idea tan vencellada do Sufre, e vencerás, que non podo senón crear unha sociedade apática, conformista e servicial.

169

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...