8.31.2014

Os licenciados poñen copas

Cada vez queda menos para moitos. Chega setembro e os anuncios de La vuelta al cole rebordan do marco televisivo, para encher as nosas salas de estar de cadernos e lápis de cores Alpino. As rúas de Compostela volverán estar repletas de estudantes coma se o verán fora un simple simulacro de evacuación.

Os de primeiro ano pensarán sabelo todo, pois xa teñen —polo xeral— a maioría de idade. Xuntaranse nunha clase con ducias de persoas descoñecidas coas que acabarán por compartir horas e horas, forxando, sen querer, amizades para longo. Haberá quen deixe a carreira, e non volva ao ano seguinte. Haberá quen critique todas a as materias pero nunca suspenda unha. Haberá quen pase a tarde na biblioteca, e haberá quen chegue todos os días tarde e pida os apuntamentos cada semana.

Pasarán as xornadas e ninguén se decatará do rápido que o tempo se vai. No segundo ano haberá quen xa non está, haberá grupos definidos, amizades e inimigos. Preferencias, pisos compartidos, resacas e constipados. E virá o Ecuador. Haberá quen vai de viaxe, e quen non. Quen se molle e quen pase das ceas de grupo.

O terceiro ano, moitos irán de Erasmus, de Séneca, de Convenio Bilateral ou trasladarán o expediente a outra Comunidade. Coma antes, todo isto ocorrerá moi ás presas, sen a penas un segundo para pararse e decidir que facer coa vida persoal.

Nos anos que restan, todo depende de quen quede no tren. De quen se encargue da orla e o acto de licenciatura —agora graduado, claro, desculpen que eu son doutra xeración—, das materias pendentes, dos conflitos cos profesores, das iniciativas particulares, da posición monetaria, da familia, dos amigos, da vocación, da saúde...

Haberá quen quede na facultade coa intención de sacar o doutorado, realizando traballos de investigación; haberá quen estude outra carreira, ou quen realice un master; haberá quen atope traballo ou acabe de bolseiro durante catro anos, cobrando unha miseria e traballando coma o que máis; haberá quen deixe todo e volva á casa; haberá quen acabe poñendo copas para os estudantes de grao, escoitando as conversas sobre os exames, os traballos, as titorías, os compañeiros de piso, as borracheiras, os profesores tiranos, as prácticas... e mentres o faga, tras a barra, terá a impresión de vivir cada noite un déjà vu constante, e a reprimida necesidade de achegarse, botarlles un licor café, e dicirlles que aproveiten o momento, que todo se acaba e que non deixen nunca de darlle as grazas aos camareiros que lles poñen as cañas, pois Santiago é unha desas cidades onde non é estraño que quen nos trae o café sexa doutor en Física.

198

1 comentario:

  1. Gracioso artículo que, en la línea de este país bananero, ningunea la formación universitaria. Curioso como países como EE.UU, con esa doble moral, con una maquinaria de marketing impresionante, y que importemos la parte frívola y aspiracional, pero no nos fijemos en como valoran la universidad y cualquier familia ahorra durante 10-12 años en un fondo para la universidad de sus hijos. Sin embargo, aquí comenzamos con la tendencia de ningunear la formación. Curioso... a un país en estado catatónico, lo que le faltaba es justificar la ignorancia y la línea propositiva de Telecinco para encefalogramas planos. La universidad es mucho más que adquirir conocimiento. La universidad forja personas, maneras de pensar, de analizar... y desarrolla muchas habilidades cognitivas. Esas capacidades que en este país de pandereta, se valoran menos que lo conseguido en un mes de gimnasio, pero que, pese a quien le pese, crea una fuente de la que emanarán atributos positivos para toda la vida...

    ResponderEliminar



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...