![]() |
Pantocrátor, na Igrexa de San Clemente de Tahull. |
Historicamente foron a Igrexa, o poder relixioso, xunto co poder político, quen en maior medida financiaron as actividades artísticas, dende o hierático Pantocrátor en 2D, ata ao Mestre Mateo. Ambas entidades son receptoras de grandes cantidades de cartos chegados do pobo administrado (uns polo fisco, outros polas taxas de Deus), e son quen deciden onde, como e cando se investirá, e en que. Ambas entidades, ademais, son particularmente propensas a salvagardar o seu statu quo, polo que as propostas que apoiarán serán sempre moderadas, inclusive reaccionarias, temendo perder a súa cátedra, ou darlle folgos a unha parte da sociedade a favor da destrución creativa do establishment.
Por outra banda, hoxe en día, os empresarios (algúns) son considerados grandes altruístas. Ben sabemos que fan obras de caridade, e axudan ás ONGs en África, e moitos ricos do presente e do pasado, son quen manteñen a demanda de obras de arte, xa que, nós, o pobo de a pé, non nos podemos permitir a compra destes luxos, para penduralos na parede do salón. Mais, temos, aquí, que nos deter un momento, pois, que consideramos bo para manter a creación e revolución permanente da cultura? Poxas millonarias de cadros de Picasso? A Tita Cervera encadeada a unha árbore no paseo Padro-Recoletos? A protección da propiedade intelectual? A persecución dos piratas na rede? Macro-exposicións na Cidade da Cultura? Francisco de Asís? A restauración da Fachada do Obradoiro? O post-porno? O feminazismo? Mercar a Jot Down e a Luzes?... Se cadra o pertinente, para acadar un consenso, non é centrarnos nas árbores, senón en manter o bosque vivo. Se cadra, o que precisa a cultura é unha actitude. Unha actitude de constante crítica, de inconformismo, de investigación, de cuestionamento do establecido... Pero tamén, unha actitude que impida que administradores e administrados vivan (viva, vivamos) cadanseu na súa torre de marfil, guindándose capachos de chapapote, na espera de que algún se canse, baixe, e diga "vale, pois facemos como ti queiras".
Non obstante, isto, que é pura teoría, ten que facer fronte á realidade. E a realidade é que vivimos nun mundo onde Amancio Ortega, hai pouco, gañou 521 millóns de euros nun día, pola venda duns títulos, e a realidade é que o orzamento deste ano da Xunta para Cultura reduciuse ata os 61 millóns de euros, o que supón unha oitava parte do que o dono de Inditex fixo nunha xornada, quizais mediante unha aplicación gratuita no seu iPhone 5s. Quizais, entón, sería mellor que nos vindeiros anos, deixaramos de criticar a inoperatividade, e afastamento do contexto das institucións públicas e foramos directamente, en procesión, ata a Arteixo, a pedir, de xeonllos, que, por favor, Amancio nos financie!
No hay comentarios:
Publicar un comentario