8.21.2014

Modo avión

Nunha ocasión, durante un acto social importante, tiven a sorte (?) de coñecer ao director dunha cadea de radio, de cuxo nome prescindirei, pois a conversa non foi on the record. No intercambio de palabras, o señor en particular, mencionou que, a pesares de seres o administrador dunha empresa xornalística, non era el tal, e de seguido mofouse dos seus súbditos, pois gañaba tres veces máis ca eles, e ás doce xa estaba a tomar o vermú.

Os medios queren ante todo rendibilizar o seu capital. Xornais baixo o mando do mercado. Isto non debera estrañar a ninguén, mais aínda queda quen, sen coñecer os tornecelos que moven as máquinas das redaccións, consideran que a satisfacción derivada da lectura rápida de un ou de dous xornais ao día (no mellor dos casos) xa o libra de se ter que preocupar por saber do mundo que o rodea. E así polas tardes os patios de luces dos edificios quedan asolagados polas voces castellanas dos asalariados de Berlusconi, e poucos lembran xa o telexornal da mañá, de cando mataran a un xornalista norteamericano, ou o alcalde de Valladolid afirmase que as mulleres non deben ir soas ás seis da mañá, e que el non entraría nun ascensor cunha rapaza dentro, que ao mellor dálle por finxir unha violación, a ela, claro.

Producimos máis información da que podemos dixerir. Pasamos dun tema a outro con gran axilidade. Con gran facilidade. Coma quen cambia de prato. Agora sopa, agora peixe, agora carne, agora un postre. Podemos decidir se ver unha decapitación, a unha rapaza que se mete con outra no outro lado do mundo falando de monogrillos, de telenovelas de lisiadas, de roldas de prensa na Casa Branca, de gatos, de cans, de memes, de praias, de fotos de fotos, de capturas de capturas, de nós, dos nosos amigos, dos nosos inimigos, e a única forma que temos para poder sobrevivir a tanta afluencia de datos e apagando o ordenador e poñendo o teléfono móbil en modo avión. Senón corremos o risco de acabar xogando ao Candy Crush, ata cando imos a cagar.

188

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...