8.29.2014

O homosexual na pantalla (II)

Analizando o estereotipo gay: o cinema como discurso

"O sodomita fora unha aberración temporal; o homosexual era agora unha especie."
(Foucault, History of Sexuality, Vol. 1)

A categoría médica, psicolóxica, e psiquiátrica da homosexualidade foi constituída por primeira vez cando foi determinada —o artigo de Westphal do ano 1870 onde menciona “sensacións sexuais contrarias” pode ser considerado como o punto de inflexión segundo Michel Foucault— menos como un tipo de relación sexual, e máis como unha certa calidade de sensibilidade sexual, un modo determinado de inverter a masculinidade e a feminidade de cada un. A homosexualidade apareceu como un tipo de forma de sexualidade cando foi trasladada desde unha práctica de sodomía, a un tipo de androxinia interna, un hermafroditismo da alma.
Atendendo a este último parágrafo e tendo en conta que os media teñen unha gran capacidade para imprimir significado sobre aquelo que non é familiar, nin habitual, e tendo en conta, por outro lado, que a homosexualidade foi e segue sendo reprimida e expulsada da vida pública e visible, paréceme interesante indagar na creación do estereotipo do home homosexual na pantalla, en particular no cinema.  

O rol definidor e representativo do cinema xoga un importante papel no proceso de propagación e caracterización de prácticas culturais, estereotipos, hábitos... como Richard Dyer xa ten comentado:
«Ningún grupo social pode permitirse ignorar a importancia do cinema...[este] actuou como un repertorio de imaxes de como é a xente e como debería ser, as imaxes son tanto producidas pola cultura como participantes activas na produción dun pensamento xeral e sentimento verbo da mesma.»
(Dyer, R., The Role of Stereotypes, 1993)

A continuación presento unha análise de diversos filmes (que será publicado en diferentes días) relacionados coa homosexualidade masculina, que me servirán de pretexto para citar outras cintas do queer cinema, e diversos estereotipos sobre o home homosexual presentes nas mesmas, co fin de acadar una conclusión satisfactoria:

The Priest
“A inclinación particular do homosexual constitúe unha tendencia, máis ou menos acentuada, cara a unha conduta intrinsecamente mala desde un punto de vista moral"  
(Ratzinger, J. citado en Nicole Muchnik, La Iglesia y la persecución, El País 02/03/09)
                
Unha das institucións que danou seriamente a imaxe dos homosexuais é, segundo o meu punto de vista, a Igrexa Católica. Difamou e perseguiu aos homosexuais no pasado, e hoxe en día continúan promocionando discursos anti-homosexuais, etiquetándoos como “desviados”, “confundidos” e “e enfermos mentais”, a pesares de que o Papa Francisco I, rebaixase o ton do seu antecesor, Bieito XVI.

O filme de Antonia Bird, Priest (1994) describe moi ben como o establishment católico lidia coas persoas homosexuais. Nesta cinta Father Greg (Linus Roache), é un mozo e atractivo sacerdote que acaba de chegar a unha pequena parroquia inglesa, onde terá que vivir con outro sacerdote, o Father Mathew (Tom Wilkinson). Greg e Mathew non se levan demasiado ben ao comezo debido a actitude do segundo, quen adoita dar un carácter político aos seus discursos a favor do Partido Laborista.

Durante o día o Padre Greg é un perfecto católico pero cando chega a noite cambia o hábito por unha cazadora de coiro. Este coñece a un home nun gay club, e déitanse. Ao principio a relación se representa como algo puramente sexual, unha necesidade física de Greg que evitar calquera tipo de contacto sentimental. Porén, nun destes encontros son atopados bicándose nun coche. Toda a parroquia se enteira de que o novo sacerdote é homosexual, polo que é rexeitado e intenta suicidarse cunha sobre dose de tranquilizantes. O Padre Mathew sálvao, pero o bispo ailla a Greg da Igrexa, e o persuade para que abandone o hábito.

No filme, escuro/privado e luz/público son binomios usados de forma metafórica. O primeiro significa: noite, gay, sexo, maldade, pecado; pero verdade. A luz e o público se relacionan co día, heterosexualidade, o celibato, o bo, e a mentira. Greg non recoñece a súa condición sexual ata o fin da película. 

Intentando “iluminar” a xente da parroquia, o Padre Mathew chama a Greg para que realice o seu último sermón. Cando chega á misa, os veciños comezan a murmurar. Logo, algúns deles érguense dicindo: “should I show respect for that thing?”, “leave my children with that monster?”. Son o exemplo perfecto da clase de imaxe que a Igrexa emite sobre as persoas homosexuais. O home gay convértese:

«nun obxecto imposible, un monstro que so pode ser procreado nun proceso de corrupción a través da sedución, que en si mesma inexplicable, dado que a familia tradicional non posúe ningunha teoría do desexo máis aló da supostas "necesidades" da reprodución.»
(Watney, S., 1993, The Spectacle of AIDS, in: The Lesbian and Gay Studies Reader)

Resulta interesante a idea que teñen os pais dos seus nenos sendo seducidos por esta “pervert abomination”.  Unha mostra, penso eu, de séculos de estigmatización e criminalización da xente gay, e todo aquelo que non se adapta á norma. Todo deviant é penalizado, discriminado, e posto fóra de vista. Esta película serve como un exemplo da capacidade de xerar discursos dunha institución como a Igrexa, pero tamén da capacidade do cinema de denunciar este tipo de estereotipos negativos. É sen dúbida, o cinema como discurso a prol da desestigmatización do homosexual.

[...]

196

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...