3.08.2014

Quérennos facer idiotas

024
Definímonos polo modo no que vestimos, pola roupa que mercamos, pola comida que nos gusta e pola que non nos gusta, polo que lemos, polo que escribimos, polo que escoitamos, pola xente coa que falamos, pola forma na que falamos coa xente, pola música que bailamos e polo modo no que bailamos, polas drogas que tomamos, polas costumes que temos e polos vicios que queremos, pola nosa forma de andar, pola nosa forma de correr, polo noso traballo e polos nosos estudos, pola xente coa que practicamos sexo, pola forma na que o facemos, pola forma de masturbarnos, pola forma de querer e de odiar, e a quen queremos e a quen odiamos, polas nosas ideas políticas, polo diñeiro que gañamos, pola forma na que nos trasladamos, por como ordenamos a habitación, por como durmimos, por como nos lavamos, por como cantamos, pola memoria que temos, polos gustos que profesamos, pola canle de televisión que detestamos, por como boquexamos, por como nos sentamos e nos erguemos, por como ouriñamos, pola forma na que respiramos, polo que nos doe, etc... Pero un dos puntos determinantes e definitorios da nosa forma de ser, de pensar e de interpretar realidade é o modo no que falamos, os códigos dos que dispoñemos para comunicarnos tanto co mundo exterior como co interior. A lingua dá forma ao pensamento, pois pensamos maiormente falando. A linguaxe, canto máis rica e diversa, máis posibilidades nos outorga para deducir, describir, definir e acadar conclusións. O coñecemento de diversas linguas fainos un pouco máis capaces de nos relacionar con éxito no mundo e de comprendelo de xeitos moi diversos. Por iso a concepción da lingua galega como un sucedáneo, nada pragmático, e prescindible, fronte ao castelán ou o inglés, é unha atrocidade que supedita séculos de cultivo do pensamento en aras dos principios do capitalismo neoliberal máis feroz.

Escribía Jesús Tusón en Mal de linguas (1990):
«En máis dunha ocasión, vós e eu tivemos que enfrontarnos á irreverencia dunhas opinións e dunhas propostas que menosprezaban linguas e falantes. En nome das grandes empresas quíxose borrar todo de realidades naturais diversas ou, polo menos, aconsellóuselles ós poderes pa
ra que o fixesen. Máis valería que todos tomasemos nota das palabras de Popper: 'Se se quere que continúe a puxanza da razón e que sobreviva a racionalidade humana, nunca nos debemos de inmiscuír na variedade dos individuos e das súas opinións, finalidades e propósitos (agás dos casos extremos en que a liberdade política estea en perigo). Así e todo as chamadas (que tanto satisfán dende o punto de vista emotivo) a un labor común, por ben que sexa moi excelente, non son senón chamadas ó abandono das diferentes opinións éticas, ó abandono das críticas mutuas e dos debates que estas opinións xeran. Á fin e ó cabo, son chamadas que nos queren facer renunciar ó pensamento racional'.»
Falar en diversas linguas e comprendelas, fainos un pouco máis libres. Estigmatizar unha lingua por razóns político-económicas fainos un pouco máis salvaxes. Ou sinxelamente, idiotas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...