3.31.2014

194 días de secuestro e Soraya S. S.

045
Un director de cine nunca ve unha película da mesma forma que a ve un avogado. Estar no outro lado do espello fai máis difícil que a maxia da imaxe en movemento acompañada de son, faga efecto. Esta desmitificación, a perda da aura, ocorre na maioría das profesións, sexan de contido creativo ou non. Por iso un arquitecto ou un albanel non miran unha construción da mesma forma que un condutor de autobuses. A investigación e a labor que se realiza nun ámbito determinado tende á deconstrución dunha estrutura que para ollos alleos aparece completa e sen xunturas, pero que para os expertos ou traballadores semella unha amalgama ordenada de elementos analizables por separado.

Deste modo, cando un xornalista traballa na televisión, non volve a ver os telediarios da mesma forma que os vira toda a súa vida. Tende a fixarse en detalles ou aspectos que evidencian a liña editorial da canle en particular, os intereses políticos, a omisión deliberada de información, o formato da noticia, o tiro de cámara, a continuidade temática usada para encadear dúas noticias de temática distinta, a distribución das novas na grella informativa... Xa que logo, no meu caso en particular, ver os informativos de televisión é un enfado constante, pois non considero que o discurso televisivo des-informativo que se da nas televisións españolas e galegas formule contido algún máis aló do anecdótico. A súa función radica en crear a ilusión de que o home e a muller contemporáneos poden informase sobre do que está a acontecer no mundo glocal en corenta minutos, e sen boquexar.

Por outra banda, un non pode asistir aos tele-noticieiros sen deixar de pensar na precariedade laboral que impera no mundo do xornalismo, e en como a pesares de ser quen temos a capacidade de chegar á poboación (enténdase cando se traballa en medios grandes) non podemos máis que alimentar o modelo de comunicación de masas e axudar acotío na imposición da axenda política que toque; ambas as dúas realidades, paradoxalmente, causantes en primeiro lugar, da devandita precariedade.

194 días de secuestro
Premio Ortega y Gasset de Fotografía 2009. José Cendón ©
Hai un par de meses tiven a ocasión de compartir unhas horas de conversa con José Cendón, o reporteiro gráfico que fóra secuestrado en Somalia durante un mes en 2009, e ao que lle entregaron o Premio Ortega y Gasset de fotografía nese mesmo ano. A pesar de que en ningún momento falamos directamente sobre o secuestro (e sacar o tema, tomando unha cañas, non era o máis correcto) si puidemos intercambiar opinións sobre a situación actual do xornalista como profesional asalariado. Sobre todo, coñecín a través del, a situación dalgúns xornalistas que traballan en África, como correspondentes freelance para medios españois, e a desatención ou infra-valoración que poden sufrir por parte dos que están comodamente escribindo nunha redacción mentres toman un café —quizais, dos que unha compañeira xornalista chamaba ulcerosos, eses das máquinas expendedoras, pero en calquera caso, café—.

Debido a ambas experiencias (o traballo na televisión e a conversa con Cendón), e a respecto da precariedade e da perda da maxia da televisión, non puiden evitar horrorizarme co tratamento que se lle deu nas principais canles do Estado á liberación dos xornalistas Javier Espinosa e Ricardo García Vilanova. Primeiro, por que non podo aturar a presenza de Soraya Sáenz de Santamaría, quen se apunta un tanto na súa conta co éxito da misión de rescate. Segundo, porque este tipo de noticias son carne de espectáculo e sensacionalismo. E terceiro, por que ao perderse en apertas, fotografías e testemuños (sucintos, por razóns, supoño honestas) esquécense de valorar a situación na que se atopan os xornalistas que traballan no estranxeiro, aos que en casos particulares (off the record), non lle pagan nin as chamadas internacionais aos centros de mando. E logo, cando se presentan na redacción, nin os atenden; de non ser, claro, que acaben de rescatalos dun secuestro, veñan da man da Vicepresidenta, e estean dispostos a contar en cómodos fascículos, todos os detalles do seu cativerio.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...