3.05.2014

Teatro Invisible

021
«Como muller de teatro, que leu e releu aos teóricos - incluidos conceptuais, dogmáticos e intransixentes - decidín asumir a fatalidade e o encadeamento de sucesos como o elemento substancial dos meus actos pasados e presentes e concluín en verificar o sen-sentido de manuais e doutrinas á hora de comprender o funcionamento das cousas en xeral e das persoas en particular.
Lin nun artigo dun xornal que en 1571, aos 38 anos, farto das obrigas e as vaidades da vida pública, o señor de Montaigne tomou a decisión de se retirar a coidar da súa casa e a ler os libros da súa biblioteca. E aferreime a este precedente, libre xa de todo remordemento ou, mellor ainda, da sombra do arrepentimento.»
Desta forma é conceptualizada a obra Teatro Invisible, unha produción de Matarile Teatro, dirixida, creada e interpretada por Ana Vallés, e que se estreará o 13 de marzo ás 19:00 horas na Casa das Artes de Vigo, dentro da programación do Festival ALT, das Artes Escénicas de Vigo.

A proposta xurdiu de forma orgánica, tras ser convidada a actriz en decembro pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), a un encontro con alumnos de dirección verbo das formas teatrais de Matarile. Segundo me informaron a través de correo electrónico, este encontro concretouse "nunha conferencia de aparencia teatral que deu lugar a un coloquio", que derivou ulteriormente na peza teatral en cuestión, "onde se mostran as principais chaves do teatro de Ana Vallés e Matarile".

Da vosa man queda poder ir, non ir, quedar na casa, ou todo o contrario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...