3.04.2014

Ecce Homo

020
Dicía Maruja Torres, nun dos seus artigos publicados no dominical de El País, baixo o a rúbrica de Con la venia señoría, que despois de toda unha vida, conseguira comprender o sentido da mesma. Laiábase daquela, de que dito coñecemento chegase tan tarde, nunha sorte de ironía cruel, agora que non dispoñía de tanta enerxía e saúde como cando era moza.

No mesmo senso resulta paradoxal que debamos traballar arreo e sen descanso durante a maior parte da nosa traxectoria vital para gozar dun retiro pacífico nalgunha praia de Benidorm, como se ao chegares a determinada idade carecéramos de aptitudes suficientes para ser válidos dentro da sociedade do común. Pode ser tamén unha sorte imposición divina, xa que debemos sufrir parte da nosa vida para poder relaxarnos na seguinte (si é que fomos bos).

Algo nos teremos que inventar, pois, de seguro, a xente da miña xeración non nos xubilaremos aos 65. En dúbida está o mesmo sistema de pensións: a súa sostibilidade se cada vez duramos máis anos, que facer con un volume de poboación xubilada cada vez máis grande (grandes centros de ocio para os maiores?), como manter a ese estrato da sociedade ocupado e motivado... Como a muller restauradora máis infamosa dos últimos anos, a do Ecce Homo de Borgia. Quen lle ía dicir a ela que un pasatempo (o que unha persoa fai por pracer e sen cobrar), logo dunha longa vida de (máis ou menos esforzos) remataría en semellante atención mediática? E que a palabra octoxenaria aparecese nos titulares como xustificación, como alegato da súa inocencia, pero tamén como unha mofa, como un: pobre muller senil.

Quizais Cecilia Giménez (a restauradora en cuestión) logo de oito décadas de vida, comprendera o sentido da mesma, e decidira deixar a súa pegada, un legado. Ou simplemente quería rirse de nós, que non sabemos nin onde imos.

No Ecce Homo tamén, pero neste caso o de Nietzsche podemos ler, mentres se refire ao Tristán de Wagner:
«Considero unha sorte de primeiro rango ter vivido no momento oportuno e ter vivido cabalmente entre alemáns para estar maduro para esta obra: tan lonxe chega en min a curiosidade do psicólogo. Pobre é o mundo para quen nunca estivo o bastante enfermo para gozar desa 'voluptuosidade do inferno'...»
Supoño que a vida se reduce a estar no lugar correcto no momento oportuno. Un pode escoller se quedar moito tempo no mesmo sitio, ou ir de casa en casa, en busca da combinación gañadora; sabendo que ao final sempre gaña a banca.




No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...