038
Por moitos esforzos que realicemos para arredármonos da exposición á publicidade, escapar á súa influenza é inevitable. Dende que a Internet se converteu nun non-lugar máis onde introducir a súa presenza, hoxe en día, inclusive podemos gozar de anuncios deseñados ex profeso para nós, en base a un perfil repleto de xeneralidades, buscas e gustos.![]() |
Neste ensaio atópase a refencia ao Sistema Máxico da Publicidade. |
A venta de xaropes para curar a dor de gorxa pode facer fincapé na eficacia (o tempo que tarde en actuar e o volume de dor que elimina), no sabor, no prezo, na ergonomía do frasco... é dicir, en aspectos tanxibles, ou, polo contrario, tratar de introducir no consumidor a idea de que, ao mercar determinado fármaco, este leva equiparado un satisfactorio sentimento de superioridade, de status social, de felicidade, de satisfacción persoal, de imitación do Outro, da aceptación do Outro (sentimento de pertenza) dentro do seu círculo, de estar actualizado, ou quizais de saber mercar (o saboir faire da nosa era baseado en coñecer cal é o produto que nos ofrece unha mellor relación entre a calidade e o prezo).
No seu intento por chegar ao máximo número de consumidores dentro do seu target ou público obxectivo —compréndase para os anuncios que sexan de consumo masivo, non de nicho de mercado— os publicistas botan man de estereotipos. Estes estereotipos, considérase que definen a unha ampla maioría dos compradores potenciais; velaí, ditas categorías presumen a conduta, aparencia, e necesidades dunha parte da poboación. Poderíamos discutir se esta categorización e a unha constante exposición dá forma á realidade social, ou, se pola contra, é a sociedade a que outorga unha forma aos estereotipos dos que se valen, por exemplo, nos spots televisivos. O que ao meu parecer, resulta máis evidente, é que nos mass media advertisement prodúcese un discurso que xa por imitación ou por creación ex nihilo mostra e condiciona o como se debería ser. Xa que logo, a publicidade (o anuncio) como produto auditivo ou visual, xoga un rol importante no moldeado do imaxinario colectivo dos homes e mulleres heterodirixidxs (no senso de Umberto Eco, de persoa que non precisa pensar que ser, mais escoller que consumir).
Seguindo este razoamento, e en relación ao anuncio que da título a este artigo, unha parte importante dos homes do Estado español son futboleiros e recibiron algún balonazo na cara, seguen ao Real Madrid, déitanse con mulleres e dúchanse con homes, fan barbacoas e cando teñen a cara cansada precisan dun produto que lles axude a combater os sinais de dito esgotamento, pero sempre e cando este elixir fora deseñado só, e para eles, the men.
Supoño, entón, que terei que cambiar de crema.
No hay comentarios:
Publicar un comentario