3.06.2014

A fatal arrogancia do capitalismo

022

Escribía Friedich Hayek nun libro publicado en 1988:
«Quizais sexa simple ignorancia ou falta de capacidade conceptual o que, en definitiva, nutre aínda entre nós ese persistente rexeitamento da actividade comercial, aínda que isto contribúa tamén, sen dúbida, a ese visceral temor do home cara o que lle resulta pouco familiar; ese medo ancestral ao máxico e sobrenatural; esa renuncia a avanzar na marcha cara o coñecemento ao que se refire o Xénese cando narra a expulsión do home do paraíso terreal. Todas as supersticións, incluído o socialismo, radican en semellante cúmulo de temores.»
Baixo o título de La fatal arrogancia, los errores del socialismo, o filósofo, xurista e economista da Escola Austríaca, fai unha defensa férrea do liberalismo económico, como se o seu avance o impulsara unha forza telúrica; como se o resultado viñese ditado polas leis naturais e o liberalismo fora tan beneficioso como inevitable.

Hoxe, que os erros cometidos por gobernos socialistas (pseudo-socialistas), híbridos, quiméricos, e neoliberais, son evidentes, as achegas e análises de Hayek serían máis que interesantes. Agora, que a economía financeira está out of control, a concepción do filósofo austríaco do medo socialista ao comercio, como unha fobia ancestral e supersticiosa, resulta irónica; agora que os hedge funds forman parte dun establishment tan poderoso que son quen de pór en problemas a países enteiros —unha única persoa como George Soros conseguiu que tremera o berce do antigo e poderoso Imperio Británico— e a pesar da súa influenza ficar nas sombras para a poboación xeral (son una especie de forza mística que domina de facto); agora, que nos diría o señor Hayek?

A febre da compra-venda
En agosto do 2012 a empresa americana Knight Capital Group Inc. (KCG) perdeu 10 millóns de dólares por minuto (ao final un total de 440 millóns en corenta e cinco minutos) debido a que non foron capaces de desactivar una algoritmo erróneo de venda e compra de accións (software do máis común nas bolsas mundiais), deixando á compañía (e os seus inversores) preto da bancarrota. Debido ao mal funcionamento dun programa informático perdéronse case dúas veces os cartos que se destinarán este ano á creación de infraestruturas en Galicia (en comparación co rexistrado nos orzamentos xerais da Xunta do 2013) ou sete veces o gasto que se contemplará para Cultura.

A febre da bolsa (como a do ouro) chega a puntos de difícil dixestión, como os dous mil millóns de dólares que aproximadamente se gastaron en 2010 os high speed trades en infraestruturas destinadas a chegar máis rápido (a través de cables de fibra óptica) á bolsa de Nova Iorque, pois cada nano-segundo conta.

Queda pois pendente unha re-visita da arrogancia, a do capitalismo, e a dos seus campións e defensores. Nalgún lugar das bolsas globais debería rezar o que leu Dante antes de entrar no Inferno: lasciate ongi speranza, voi ch'entrate. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...