10.31.2013

Cara a unha saída democrática da crise (cultural)

En numerosas ocasións, sen decatármonos e case acotío, aplicamos ao que nos rodea, apelativos, que, ben a causa dunha execución pouco escrupulosa, ben por unha desatención deliberada, perderon o seu significado orixinal.

Son contedores, que dada a asimilación xeral do que en aparencia son, non son sometidos a maior inspección nas aduanas do pensamento. Deste modo, seguimos (seguen dende os media e o Establishment) chamando á nosa atención sanitaria «pública» cando non o é, nin o foi nunca. Seguimos (seguen) a falar de educación «pública» coma si o seu simple nomeamento outorgase á entidade un carácter de acceso universal a custe cero.

Seminario «Hacia una salida democrática de las crisis» no Paraninfo da Facultade de Historia. | PAULA IGLESIAS

Diversas voces advertiron antes e despois da crise crediticia do paulatino desmantelamento do Estado do Benestar. Zygmunt Bauman, o meu sociólogo de cabeceira, escribía isto en 2005 (Archipiélago de Excepciones):
«O Estado contemporáneo non pode seguir a cumprir a súa promesa de Estado social, e os seus políticos xa nin sequera a repiten. As políticas que o Estado contemporáneo pon en marcha presaxian, pola contra, unha vida máis precaria e cargada de riscos que fará necesarias políticas aínda máis arriscadas e imposibilitará case por completo calquera proxecto de vida consistente. Os políticos dos nosos días piden "maior flexibilidade" aos seus electores (o que equivale a pedirlles que se preparen para as inseguridades aínda maiores que se aveciñan).»
No que ten que ver coa nosa cen veces loada Seguridade Social —entre os eloxios, por comparación, o de Michael Moore en Sicko (2007)— cabe mencionar que a súa estrutura lexislativa tivo por contexto de redacción o ano 1968, aínda baixo o réxime ditatorial de Franco. A súa sanción, agora recollida na nosa actual (e pretenden inalterable) Constitución do 78, deixou, pola súa ambigüidade, numerosos ocos. E non é materia de experto. Os recortes de agora, os das vacas esmirriadas, puxeron en evidencia que o Executivo de Rajoi está disposto a utilizar calqueira loophole para cinguir, ao máximo, as prestacións e asistencia social, aos (mal)interpretables límites impostos polo seguinte texto (tradución do castelán): 
Artigo 41 «Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para todos os cidadáns que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade, especialmente en caso de desemprego. A asistencia e prestacións complementarias serán libres.» 
Penso que non é necesario un amplio coñecemento lexislativo para decatarse de que a redacción non quere ir «demasiado lonxe». Por iso —non quero non pensar— mentres a burbulla inmobiliaria crecía non saíu á palestra mediática a atención médica de inmigrantes (ir)regulares, e poucos se queixaban —si é que algunha vez o escoitaran— do chamado «turismo sanitario». Por iso, tamén, agora, que xa todo estourou nos nosos tellados, se aplican restricións de todo tipo en aras do austericio (colectivo). E, se todo estivo ben (?) mentres só lles tocaba aos que viñan de fóra (os outros), cando sacaron a afeitadora para os autóctonos, púxose de punta máis dun pelo:
Os maiores de 26 anos que non cotizaran nunca terán que declararse sen recursos para non pagar a sanidade. Non terán dereito á atención sanitaria non urxente salvo que acrediten estar por debaixo dos ingresos mínimos. [...]
A perda (se é que podemos perder algo que nunca tivemos) da res publica a mans da res privata, intensificada na última década pola crise financeira e inmobiliaria, obríganos, ou ben a reter o que nos queda, ou a buscar alternativas. Perdido o público, só nos queda —quizais— buscar o común.

Cara a unha saída democrática da crise (cultural)
O antes inferido tivo como motivo un seminario realizado a finais de setembro no incomparable marco do Paraninfo da Facultade de Historia, en Santiago de Compostela. Entre asentos textura granate, pan de ouro, e a atenta mirada dos rectos retratos e inspiracións plasmadas no teito e paredes, transcorreu un xogo organizado por Ania González e Horacio González, onde os participantes tiñan moito por ganar e pouco por perder. Sen ánimo por perderme nas formas (aínda que quizais sexa tarde para escusarme), o fondo do que alí se falou baseouse na presentación da Fundación de los Comunes (FDC), polo sociólogo e doutorado en Historia, Emmanuel Rodríguez e a politóloga Marisa Pérez Colina, xunto a diversos representantes de institucións culturais independentes e públicas (presentadas na convocatoria e actas por orde alfabético —tamén aparecen as que non puideron ou non quixeron asistir—), baixo o nome de «Hacia una salida democrática de la crisis».

Sesión de traballo do seminario onde participaron institucións públicas e independentes. | PAULA IGLESIAS

A intención? Grosso modo: traballar na promoción dun espazo para as novas formas de institucionalidade en Galicia, tomando como referente a FDC, presentando propostas concisas de colaboración entre amigos e estraños, acordando a realización das mesmas para evitar que as leve a corrente e acadar a consecución de polo menos un dos acordos; todo isto coidadosamente redactado e pensado dentro de seis marcos de actuación, entre os que podemos destacar o informal baseado no acordo verbal:
«Para evitar as dificultades burocráticas que supón a ratificación de convenios e permitir a participación de institucións sen personalidade xurídica, escolleuse o acordo verbal para os acordos de colaboración que, aínda baseada na confianza entre partes, ten validez xurídica no marco da lexislación española.» [...]
O exposto ao comezo desta crónica, que obvia deliberadamente a estruturación tradicional de pirámide invertida (que en xornalismo é paradigma da organización do texto do máis, ao menos importante —aínda que xa me dirán que sentido tería isto se o que vén de seguido é pura palla) son impresións derivadas da ponencia que realizou Marisa Pérez, verbo da Fundación e o ben común. A súa invitación brindounos unha mostra do modo no que os xestores culturais de estampa institucional pública poden traballar cos colectivos non institucionais —en maioría auto-xestionados e de carácter independente (en tanto en canto non dispoñen dunha liña fixa e orzamentada de erario público)— xa que o Padroado da Fundación de los Comunes está constituído por asociacións como Metrolab, a Universidade Nómada, Traficantes de Sueños, e o Ateneu Candela, amais de diversos colectivos, centros sociais e proxectos que se estenden por toda España e que (e aquí vén o público) colabora co Reina Sofía no deseño —e cito, e traduzo— «dunha nova institucionalidade participativa e transversal». Segundo se recolle na acta a este respecto: 
«Respecto as relacións interinstitucionais das que a Fundación participa Marisa informa do convenio que teñen asinado co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en virtude do cal teñen acordado un marco de colaboración de cinco anos de duración e a elaboración conxunta dun programa de actividades. Pon como exemplo a última das actividades que están a organizar: un encontro europeo para a a reflexión e a construción común dunha alternativa política posible que consistirá na reunión dun grupo de pensadores políticos internacionais, a creación duns grupos de traballo e a celebración dunhas xornadas de portas abertas»
Neste intre tiña a palabra Silvia Longueira, naquel momento directora da Fundación Seoane. | PAULA IGLESIAS

Lamentablemente tan só puiden acudir unha tarde ao seminario, de aí o recurso ás actas, a pesares de que as xornadas duraron tres días con sesións matutinas e vespertinas. O colofón produciuse o xoves pola mañá —día no que foron tomadas por Paula Iglesias as fotografías que acompañan este artigo— cando por fin estiveron cara a cara os independentes e os institucionais, xunto ao organizadores do seminario e a Fundación de los Comunes, nunha sesión de traballo que tivo por obxecto a presentación da FDC, unha análise do contexto cultural galego, e unha toma de acordos arredor dunha serie de propostas concretas entre as que se atopaban:
«Que a Cidade da Cultura de Galicia promova e difunda as actividades das distintas institucións culturais galegas mediante a creación dun espazo na súa páxina web que, baixo o título de Interinstitucionalidade, recolla unha selección de actividades que previamente sexan comunicadas por correo electrónico ao departamento de comunicación da Cidade dá Cultura de Galicia.» [todas as propostas aquí]
Corolario
A día de hoxe, un mes despois de que o seminario tivese lugar, ningunha das propostas foi realizada, se ben a posta en común obtivo, segundo a organización, un resultado positivo. Espero, porén, que a medio e longo prazo (pois os cambios trascendentes levan o seu tempo) o seminario e o alí discutido dea os seus froitos, a pesares de que noticias como a cesión —cun cheiro inevitablemente partidista e político— de Silvia Longueira, ata hai unha semana directora da Fundación Seoane, nos recorde quen manexa esta oligo-barca, que á deriva nos leva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...