2.08.2012

A censura do 'porco santificado'


Esta reportaxe pretende ser a primeira de diversos artigos xornalísticos que versarán sobre unha creación artística que, debido a que non conta co cuño e auspicio institucional de turno, é relegada a un segundo ou terceiro termo, pasando desapercibida para o público xeral. Con esta pretensión, non pretenciosa, CULTURADESEU é unha ollada alén da cultura oficial.

Que mellor forma de comezar este periplo que cunha obra censurada por mor dun pudor, que criamos, parte do pasado. Manu Mimé (1986, Ribeira) tivo que ver coma retiraban a súa peza, Ara Porcis, da segunda edición de EmporcARTE xa que ao parecer este porco santificado podería ferir a sensibilidade dalgúns dos asistentes a dita exposición.

Esta mostra, que foi organizada por Parede en Blanco e coordinada polos responsables do Museo Municipal de Lalín, pretendía ser, segundo a organización da mesma, “un encontro entre varios artistas de diferentes disciplinas que amosan as súas impresións da cultura do porco en Galicia e en especial da Feira do Cocido”. Quizais se tiveran engadido: ‘dentro duns marcos tradicionais e conservadores sen cruzar certos límites de corrección política non escritos’, o artista vítima da censura tería aforrado tempo e cartos na realización do Ara Porcis, ou, polo menos, sabería en que terreo estaba a xogar.

“O concepto a partir do cal nace esta peza é o de elevar ó porco á categoría de ser divino”, así concibiu a obra Mimé, de ningún modo pretendía ferir a sensiblidade de feligreses e devotos do Sagrado Corazón. O Ara Porcis é segundo o autor a conxución de dúas realidades: a importancia que o animal porcino ten en Galicia, e a parodia, ironía e tendencia kitsch que impregna sempre as súas obras. “Unha peza amena e divertida, que so busca a exaltación deste producto e non tódalas interpretacións controvertidas que se lle deron”, apunta o artista. Ademáis Mimé lamenta que todo isto “é un un atraso para a sociedade e en concreto para o mundo da arte” e dalle a sensación de ter que botar man da “arte ornamental, a arte aséptica e casposa de salón cañí español, para que poidamos expoñer nos pequenos centros”.

A notificación sobre a censura recibiuna cinco horas antes da inauguración da mostra a través de mensaxes on-line e de texto. Ao parecer autoridades locais entre as que se atopaba o cura da cabeceira comarcal dezana e un concelleiro lalinense consideraban que aquel porco santificado podería ferir a sensibilidade da xente; e alí se presentou Manuel con cartaces para mostrar o seu desacordo. Tamén se atopaba con el Javier Hita que viu a súa obra, ECU Goldman Sachs, parcialmente cuberta cun veo para ocultar o Xesucristo que sostía unha cabeza de cerdo ornamentada con moedas de ouro.

Sobre a censura, oficialmente, desde o Museo Municipal de Lalín prefiren non comentar nada, e desde a alcaldía trasladáronme que “simplemente se decidiu que non figurase” na exposición. Porén, fontes off the record, consideraron que se a mostra tivera lugar nunha galería de arte, en lugar do museo municipal, non se tería producido tal censura. O que non quedou claro e quen ten tivo a última palabra na retirada do Ara Porcis, se ben está obviamente relacionado co tema representado polo artista.

Afortunadamente a censura dunha obra de arte por motivos de, digamos, pudor relixiosa, non se realiza en España de forma sistemática; responde máis ben ás diferentes permeabilidades que as administracións e institucións artísticas teñan con respecto das inclemencias eclesiásticas. O caso de Manuel Mimé é un exemplo de administración local que permite que a opinión dun ente extraño a tal institución actúe como xuiz moral e elimine unha das obras participantes en representación dunha comunidade que hipotéticamente vería ferida a súa sensibilidade ante tal 'blasfemia'.

Un caso similar tivo lugar en xullo do ano pasado cando a dirección do Festival de Mérida decidiu reitar unha das fotografías da colección Camerinos, na que o fotógrafo Sergio Parra retratara ó actor Asier Etxeandía no seu camerino, mentres era caracterizado como Xesucristo crucificado. Ao parecer a organización recibiu varios correos de ciudadanos que afirmaban que dita imaxe atentaba contra a sensiblidade cristiá, e para evitar males maiores decidiron retirala da exposición; a pesar de que caracterización respondía a unha escena da Divina Comedia de Dante Allighieri na versión escrita polo esloveno Tomaz Pandur, e non a un antoxo do fotógrafo, quen tan só captou un momento entre bambalinas.

Administradores, artistas e viceversa
Pero este tipo de accións conservadoras lonxe de reprimir, dan pulo á creación artística. Manu Mimé seguirá creando a arte que el considera necesaria, e xa está a barallar “a posibilidade de crear unha serie, xa que hai xente interesada nesta peza”. Non lle queda máis remedio, se quere vivir da arte, que seguir producindo, aínda que debido ós recortes derivados da crise económica, a produción cultural estáse a resentir, “o panorama en Galicia non é nada alentador, xa puidemos ver unha mostra disto na Feria de Arte Espazo Atlántico de Vigo do ano pasado, galerías que están comenzando a cerrar ou a reducir o número de exposicións ou facelas máis pequeñas”, apunta o artista.
Nos últimos cinco anos, dende o comezo da crise crediticia, a inversión pública galega en cultura descendeu dramáticamente. Como mostra un botón: se comparamos o orzamento da Consellería de Cultura do 2008 -algo máis de 147 millóns de euros-, cos números aprobados este ano -81 millóns de euros- comprobaremos que no último lustro recortáronse máis de 65 millóns de euros, o que supón un 44,67% menos de cartos públicos para seren investidos, iso si, na promoción, difusión e creación dunha determinada cultura declarada como ‘válida’. O resto da creación cultural, poñamos, independente, debe afrontar unha situación incluso máis difícil.

Administración e artistas forman unha parella antagónica desde que a arte comezou a ser arte e a imaxinar unha alternativa ao statu quo imperante. Sobre esta relación reflexiona o sociólogo e filósofo Zygmunt Bauman (Polonia, 1925), no seu último ensaio Mundo Consumo, concluíndo que precisan unha, da outra:
"Por un lado, a cultura non pode sobrevivir en paz coa administración, especialmente cando ésta é insidiosa e ten tendencia a inmiscuirse, y menos aínda cando se trata dunha administración que aspira a pregar as ansias exploradoras e experimentadoras da cultura ata facelas encaixar co marco de racionalidade que os xestores teñan trazado: a mesma racionalidade que a exploración artística do “aínda non” e do “meramente posible” precisa transgredir irremediablemente; mentres, os administradores, ansiosos (como deben de estalo por profesión) por defender a ultranza a causa de esa racionalidade, deben ver a un adversario, e canto máis rival sexa, mellor realizará a arte a súa misión."
Corolario
É paradóxico que a censura e retirada de determinadas obras de arte se xustifique coma unha suposta medida que pretende evitar ferir a sensibilidade dun determinado grupo de personas que gardan e veneran determinados símbolos e crenzas, no caso que ocupa, dogmáticas. E digo paradóxico por que de sentirse feridas son personas que carecen da sensibilidade necesaria para ler, comprender e criticar unha obra de arte no seu contexto, tempo e significado.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...