9.19.2014

Por que escribo en galego?

A pregunta xurdiu da boca dunha descoñecida lectora, hai unhas semanas, nun bar: "Por qué escribes en gallego?"; "por que non?", foi a miña resposta, rápida e non meditada, sen querer ir máis aló, pois nin era o momento nin o lugar.

"Por que escribo en galego?" me pregunto eu agora. Podería escribires en castelán, ou en inglés, ou en castelán e en inglés, e tamén en galego. De feito, as primeiras reportaxes e crónicas están dispoñibles nos tres idiomas, e antes de comezares a escribir artigos todos os días (eminentemente de opinión), traducía relixiosamente as publicacións e as presentaba en galego e castelán (no subdominio es.culturadeseu.com). Pero, entón, cal é o motivo polo que escribo só en galego? Por un lado leva traballo extra traducir todos os días ao castelán, sabendo que a xente que me le comprende o galego. Pero, de escribires en castelán e en inglés chegaría (?) a unha audiencia potencialmente maior... Pero non escribo para chegar a todo o mundo (?), escribo, primeiro, porque me gusta, e segundo para que me lea quen queira lerme; sen maiores pretensións que realizar unha labor para a que teño, creo, unha vocación.

Escribo en galego por motivos ideolóxicos? Pois non. Nin son especialmente amigo de declararme galeguista, nin nacionalista, nin independentista; se ben, a reticencia por adscribirme a concepcións abstractas, non significa que non poida compartir determinados puntos de vista das mesmas. Non son fan de contedores de significados absolutos, pero son unha persoa razoable.

"Escribo en galego porque me gusta". Volvo pensar. Si, pero non só por iso. Escribo en galego, por un motivo particularmente egoísta: para mellorar. Cando comecei con Culturadeseu hai máis de dous anos decateime de que me custaba máis escribir en galego que en castelán. Faltábame vocabulario, tiña problemas coas conxugacións e os plurais. A introdución da nova normativa tivo algo que ver á hora de ter dúbidas, pero a maior causa pola que me era máis doado (fluído) escribir en castelán que en galego, era que ata hai cousa de catro anos, como estudante, como futuro xornalista e cidadán curioso, a maior parte da información á que accedía, e da que escribía, estaba en castelán.

Os medios, as revistas especializadas, as reportaxes de investigación, a divulgación científica e os artigos de opinión, estaban (sobre todo) en castelán. De aí que o meu vocabulario en galego fóra máis limitado, pois os referentes eran limitados. Agora non hai escusas. Un pode querer informarse do que ocorre na actualidade política, económica, cultural e social, e facelo en galego. Pero non no galego do tradutor automático do Faro de Vigo, non. En galego, escrito en galego, non traducido por unha máquina. E temos Praza Pública, e Galicia Confidencial, e GCiencia, e Luzes, e Cuarta Parede, e Código Cero, etc. Bos medios, profesionais, e en galego. Creo que non deberíamos de cuestionar por que están estes medios en galego, senón por que La Voz de Galicia está en castelán (sen prexuízo dxs colegas que traballan alí).

Escribir (en galego, en castelán, en inglés) é parte dun reto persoal. Por iso escribo todos os días, coma quen vai media hora ao ximnasio, ou a correr á Alameda, ou toca a pandeireta. E o fago en galego, porque me gusta, porque podo, e porque cada día, coido, que o fago mellor.

Boas tardes, e boa fin de semana.




No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...