9.07.2014

Numax: o cinema está vivo!

Nun momento onde semella que non hai lugar para a exhibición cinematográfica, lonxe de corredores ateigados de vendas téxtiles low cost, grandes billboards, e espectadores mareados por prolongandas exposicións a radiacións 3D, algo prometedor está a ocorrer en Compostela. Unha cooperativa quere pór a funcionar unha sala independente, a única de Galicia, con proxeccións en versión orixinal, unha libraría e un laboratorio: Numax. 

A 66.000 euros de conseguir todos os avais necesarios para que o proxecto sexa posible, augura un novo curso en Santiago (aínda que non estudes, na capital galega, os anos comezan en setembro) cheo de ilusión, intriga e interese para un servidor.

Para saber máis, e formar parte quizais desta iniciativa non tedes máis que pasarvos pola súa web, Numax.org, amais veñen de publicar un artigo na súa páxina de Facebook (o primeiro dunha serie) que pretende axudarnos a coñecelos mellor:

COÑECE NUMAX (I): O NOME 
Iniciamos hoxe unha serie de publicacións nas que iremos esmiuzando os pormenores do noso proxecto. E que mellor, en primeiro lugar, que darvos conta da orixe do noso nome, unha cuestión que moitas nos achegastes nestes primeiros días de actividade pública. 
En 1977, a fábrica de electrodomésticos Numax de Barcelona, entraba en suspensión de pagamentos. Os seus traballadores deciden tomar a fábrica pola man e tentan autoorganizarse para sacala adiante e manteren os seus postos de traballo. Comeza entón un proceso de autoxestión colectiva que se mantén por dous anos. O encargado de rexistrar esa experiencia foi Joaquín Jordà, a través dun filme financiado coas últimas 600.000 pesetas da caixa de resistencia. Titulouse NUMAX PRESENTA... e foi estreado o 1 de maio de 1980, logo do peche definitivo da fábrica. 
En homenaxe a ese proceso de autoxestión, ás súas traballadoras e á súa procura por unhas condicións laborais dignas, pero tamén co ánimo de celebrarmos o traballo de Jordà, decidimos nomear así o noso proxecto. 
Os residentes en Madrid teredes unha oportunidade de ver o filme este domingo 7 de setembro na Sala Berlanga, no ciclo organizado por DOCMA baixo o título 40 AÑOS NO ES NADA.

Fotograma de Frankenstein (1931)

 Contra todo prognóstico o doctor Henry Frankenstein contemplou como a súa criatura cobraba vida —"look, it's moving"—, e agora que en Galicia o cinema independente se resiste a escribir un epitafio, arredándose con dificultades da forza de atracción do burato negro do Gaiás, argallando novas formas de distribución, —algunhas exitosas, como a que veñen realizando co filme Encallados, de Alfonso Zarauza—, proxectos como Numax, dan nos fuciños aos tecno nihilistas escépticos con sede no capitolio de Monte Pío, e traen renovados folgos para poder berrar que o monstro do cinema, está vivo!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...