9.22.2014

Volver aos tempos de Fraga

Manuel Fraga, Congreso dos Deputados, 1971.
© Manuel López
Algo máis 200.000 euros para intentar lavar a imaxe dunha cidade que nos últimos anos é parte da grella informativa ben por corrupción, roubos, asasinatos, ou desgraciados accidentes. Pero non pensen vostedes que dende a Xunta están preocupados por se baixa o número de peregrinos e de visitantes que chegan a Compostela cada día. A súa principal preocupación reside en que xa non poden controlar aos medios de comunicación como en tempos de Fraga, ou polo menos non a todos.

Como informaban en Praza Pública o 9 de xullo deste ano:
«Segundo a última conta xeral da comunidade autónoma que xa pasou a fiscalización do Consello de Contas, a de 2010, os convenios e outras figuras nas que non media a concorrencia competitiva son a canle pola que o Executivo envía máis de tres cuartas parte dos cartos que inxecta nos medios, que nese ano foron uns 13,8 millóns —Contas só rexistra as achegas que superan os 100.000 euros por medio—. Desa suma total unicamente 1,7 millóns foron repartidos a través dunha convocatoria pública e competitiva, mentres que 9,7 millóns se distribuíron mediante convenios, nos que o criterio gobernamental é o único condicionante, e o resto en compra de exemplares, publicidade e outras subvencións.»
Para quen traballe ou viva dentro do mundo xornalístico, estes convenios non son novidade, e son tema de conversa habitual, amais de formar parte da axenda temática dos medios non afíns ao establishment, que ao non seren subvencionados polo poder político (pola canle que sexa), son medios máis libres, e independentes, que non ven nesgada a súa información por conflitos de intereses constantes. O 27 de xuño, no artigo Verdadeiro ou Falso, comentaba precisamente esta realidade:
«Obviamente, e neste caso é importante salientalo, hai unha parte da audiencia, dos lectores e espectadores, que xa sexa polo seu carácter ou nivel de educación, tende paulatinamente [...] a desconfiar máis das grandes empresas xornalísticas, e a seguir a medios de nacemento dixital, que son menos sospeitosos de publicar información parcial, dado que a maioría depende das doazóns dos lectores (do reader-support), dun pedazo de pastel publicitario pequeno, e non teñen acceso (son privadas del) ás liñas de subvención e tratos por debaixo da mesa que ofrecen as institucións públicas; un caso práctico son as subvencións que se outorgan a través da Secretaría Xeral de Medios a «das empresas xornalísticas que publiquen ou difundan en galego polo menos un 8% do total das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións», e que levan cada ano xornais como o Faro de Vigo e La Voz de Galicia, que ademais se complementan con acordos ou convenios que recollen realidades abstractas, de dubidosa execución, coma o fomento da lectura da prensa escrita en centros de educación non universitaria, o que representa unha considerable cantidade de euros que ben poderían financiar proxectos de información pública e pedagóxica, reais, e non ao servizo de La Voz de Galicia, S.A., e demais grupos empresariais de comunicación e información, pretensiosamente independentes de Galicia.» 
Todo e toda xornalista parte dunha liña editorial, dunha forma de pensar. As empresas xornalísticas tamén, por extensión, contan cunha visión política. Depende dos lectores escoller a quen queren escoitar. Non existe unha obxectividade divina no xornalismo, pois partimos da base de ser humanos, e subxectivos. Xa que logo, o obxectivo dun bo xornalista non ha de ser pretendidamente imparcial, senón ser, ante todo honesto. A honestidade impídenos deixar fóra do relato dos feitos aqueles datos relevantes e de importancia para a opinión pública por que vaian a afectar negativamente a un empresario ou a un cargo público, e dificilmente podemos ser honestos se, antes de informar, pensamos en que é mellor non morder a man de quen nos da de comer.

Entón, que facemos? 
Unha parte importante dos ingresos dos medios de maior difusión dependen dos políticos do momento. Nas nosas mans está a opción de dar de comer aos medios independentes e de menor cobertura, que non teñen acceso ao pastel dos convenios da Xunta, ou deixalos morrer de fame, e volver así os tempos de Fraga.


220



No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...