O tempo de sol, de turistas e de marisco sempre deixa nas vilas esas noites de orquestra non-stop ata ben entrada a madrugada. Ninguén pode queixarse, aínda que o ruído xordo dos graves da reprodución abortada do último hit de Lady Gaga, fagan tremer as ventás mal illadas dos edificios do lugar.
E nas festas, por moi grandes ou pequenas, seguen a disfrazar a romaría popular con espectáculos e simulacros ao estilo de José Luís Moreno, con coplas, contos superficiais e mozas lixeiras de roupa. E volverán Mocedades, Los Secretos e Azúcar Moreno a encher as prazas públicas, tomadas polos de fóra, que pouco saben dos meses de inverno, cando Galicia deixa de ser a praia dos que veñen, e pasa a ser a auga dos que quedan. Porque as veces tratamos de esquecérmonos do frío, da chuvia e das nubes grises que tinguen os ceos a maior parte do tempo. E desculpámonos ante o visitante, como se fora culpa nosa o control do tempo. E adocemos dunha síndrome que toma por bo o que non é noso, e o noso non o toma, mais o ataca, mentres o programa continúa con Paloma, con Pantoja, con Juncal, con Macario, e con Mariano, que ás veces se deixa ver pola súa terra, coma quen vai buscar camaróns sen truel.
201
No hay comentarios:
Publicar un comentario