9.16.2014

Omisión deliberada

As historias cambian dependendo de quen as conte. A cada persoa, parécenlle importante certo tipo de detalles, que para outras son totalmente triviais. Hai a quen lle interesa falar dos antecedentes, para que nos decatemos mellor do motivo polo que ocorreu a historia, e outros deciden ir ao grao.

Cando relatamos unha historia, podemos esquecer ou inventar partes da mesma, non somos robots. pero en numerosas ocasión decidimos omitir información de forma deliberada para mellor protección dos nosos intereses ou dos intereses de alguén con quen mantemos unha relación o suficientemente importante como para que decidamos de forma consciente non mencionar feitos ou datos que acaben por prexudicar a estes segundos e terceiros.

Hoxe puidemos saber grazas aos medios de comunicación do descubrimento do mecanismo polo que se dividen as células. Información científica, todo detalle fóra do descubrimento sería anecdótico, e polo tanto, non preciso, non informativo. Se os científicos non levasen posta roupa interior durante os experimentos realizados, non sería relevante; mais se o descubrimento fóra fortuíto, froito dun descoido, quizais fóra interesante mencionalo.

O caso é que hoxe os reis visitaron un colexio rural en Ourense, o Ben-Cho-Shey. Lin a nova por primeira vez en Praza.com, co titular "Os reis inauguran o curso entre protestas polos recortes no ensino público", onde podemos ler que:

«Pancartas, berros e consignas recibiron os reis de España, que acudiron ao CEIP Ben-Cho-Sey, en Pereiro de Aguiar, para inaugurar o curso escolar...» 
«... "Os cartos dos borbóns para a educación" ou "Galiza non ten reis" púidose escoitar dos manifestantes, dos cales trinta, segundo denuncia CIG-Ensino, foron retidos para evitar que se achegasen máis ao lugar onde se desenvolvían os actos.«...dúas nais do ANPA -tamén convidadas ao acto- aproveitaron a ocasión para entregarlle a dona Letizia un sobre con varios documentos nos que, segundo aseguraron aos xornalistas, incluíanse demandas como un cambio de horario no centro...» 
«..O rei Felipe VI instou a aumentar "a calidade da educación urxentemente" en España, tras constatar, segundo dixo, que segue "con problemas moi graves".»  
«... “o único que debería facer o señor Vázquez é preocuparse de solucionar a situación do ensino público de Galicia e non por cumprir o co lamentábel protocolo dunha monarquía decadente e deslexitimada socialmente”.»

Logo vin un vídeo na canle 24 horas, onde non se mencionaba por ningures a protesta. Vídeo que intentei recuperar pero que non teñen, ao parecer, na web. Así que fun ata La Voz de Galicia que escribía "Aplausos para los reyes y pancartas contra Wert en Pereiro de Aguiar", onde podemos saber (e reproduzo a totalidade da nova):

«Los Reyes de España, Felipe VI y Letizia, llegaron al colegio Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar 5 minutos antes de las 12 del mediodía para presidir el acto oficial de inauguración del curso escolar. El ministro de Educación, José Ignacio Wert; el presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijoo; el conselleiro de Educación y otras autoridades autonómicas y estatales esperaban a los monarcas junto con un grupo de ciudadanos, apostados en las inmediaciones del centro. 
Dos actos de protesta dirigían sus pancartas al ministro Wert. Defensa de la enseñanza pública y rechazo a la Lomce eran sus reivindicaciones. 
Banderas, expectación y hasta nervios se combinaban esta mañana en el exterior del colegio público de Pereiro de Aguiar. En su interior la jornada quería aparentar normalidad, con el horario habitual de clases, pero la presencia real se impuso.»

Dirán vostedes que as historias teñen puntos de vista diferentes, e nesgos políticos. Pero é indubidable que na nova de La Voz se omiten detalles relevantes, como a carta entregada á Raíña, as consignas dos manifestantes ou que ao parecer e segundo a CIG (convocante da protesta) se impediu o libre acceso ao lugar de persoas que querían expresar a súa opinión, aproveitando, claro está, a conxuntura.

A omisión deliberada de información ten lugar todos os días na maioría das redaccións dos medios de todo o mundo. A información que consumimos vén nesgada, é parcial, e en base ao que sabemos, moitos, tamén a maioría, vivimos. O coñecemento do que nos rodea depende das fontes das que bebamos. E non só para escoller alcalde, presidente ou froita no mercado, senón para ter unha idea clara de que caste de persoas somos, ou podemos chegar a ser. Mais ninguén nos avisa, non é como o tabaco, que prexudica gravemente nuestra salud; ao ler unha nova non hai un coidado, omisión deliberada de información susceptible de ser importante para unha mellor comprensión do que ocorreu. Depende da nosa pericia e escepticismo non crer nunca, o primeiro que nos din, menos mal que con Internet, xa non hai escusa.

214

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...