9.12.2014

Lorem ipsum (I)

Escribir para encher o espazo sen ter sentido nada do que está escrito, logo de pasar horas e horas pensando en que escribir é o mesmo que non escribir nada, pois se realmente quixeramos escribir algo non sería un proceso mecánico determinado por forzas externas e de maiorías sobre-dimensionadas, de praceres ocultos e de rimas mal levadas, se quixeramos escribir algo quizais non escribiríamos nada por que no momento xusto onde queremos comezar a escribir algo, ou de algo, ou como algo, somos nós mesmos quen nos decatamos de que o exercicio só ten sentido coma iso, coma un exercicio, coma unha mera práctica de escritura, por escribir, coma quen fala, para adiante sen reparar demasiado no contido, ou reparando pero aceptando que o contido ás veces non importa, se é que importa algunha vez, pois a cuestión e encher o espazo, eliminar os espazos baleiros, horror vacui, vacas no millo, e millo na palla, a mesma que enche os espazos en branco que queren ser tomados por unha idea necesaria, pero de difícil xustificación nunha época onde os valores do pasado, da modernidade, caen, esmorecen, destrónanse, esfarélanse, subtracción das vías do camiño de servidume que nos quixeron deixar marcado os nosos predecesores, coa ilusa intención de evitarnos dores innecesarios de cabeza, para axilizar a nosa viaxe pola vida, coma quen broza os lindes dunha leira para evitar que os toxos lles fagan sangue ás pernas dos que baixan cada día á praia, coa toalla e sen roupa de baño, pois os seus corpos non foron feitos para verse continuamente censurados polo medo a un pudor cuxo cheiro escapa sen dúbida do botafumeiro da Catedral de Santiago, que uns escriben con maiúscula ao comezo, coma cando escribimos Facebook, e outros non escriben coma quen non escribe crowdfunding, porque ou non sabe ou non quere saber o que significa, e a casa será tomada polos que virán despois, e quedaremos todos na entrada con cara de pampos, mirando cara ás fiestras, por se vemos quen habita agora, que xa todo parece estar perdido, pero que non que aumenta o PIB, o 0,6, e que en cincuenta anos poderemos ir e vir de Marte coma quen vai ao Mercadona, na procura deses fantásticos produtos que todo o mundo quere comprar por ser dunha marca distinta, branca, ao resto das que se publicitan na televisión, coa intención de collernos os miolos, darlle a volta, e enchoupalos de estupidez.

Lorem ipsum, et filli, et spiritus sancti.

210

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...