9.25.2014

Ana Expósito: "servimos ou non servimos para algo?"

Cando comecei a carreira de xornalismo, había quen quería ser reporteiro de moda, ou reporteira, e quen quería chegar a ser ese líder ou lideresa de opinión que publica na última páxina dos xornais impresos. Tamén había persoas, como Camille, a quen coñecín durante a miña estadía en Southampton, que soñaba con ser fotoxornalista e ir cubrir conflitos bélicos no continente africano, pois así o sentía, e así era o seu carácter, a súa dedicación.

Logo de que tropas de paz francesas atoparan o corpo de Camille Lepage o 13 de maio deste ano 2014, inerte, na rexión oeste de Bouar da República Centro Africana, nun vehículo da milicia anti-balaka a 120 quilómetros afastado de Berbérati, intentado evitar as aduanas, a miña e persoal concepción do fotoxornalismo e do xornalismo de conflitos, tornou máis real, e xa que logo, máis terrible.

O mércores, día 24 deste mes de setembro, tiven a ocasión de asistir a unha conferencia organizada por Médicos Sen Fronteiras e moderada polo decano do Colexio Profesional de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, onde o comunicador e colaborador desta ONG, Javier Sancho Más, e a correspondente de guerra Ana Expósito Valle falaron das súas vivencias en lugar de conflito.

A exposición comprendía historias propias de ambos profesionais onde se trataban, en consecuencia, diversos aspectos coma a ética xornalística e a necesidade ou pertinencia da súa labor. Sirve para algo contar as historias das vítimas? Son as imaxes cruentas da guerra puro sensacionalismo? Si e non, non sempre.

O primeiro en falar sobre a pertinencia da nosa profesión foi Javier Sancho, quen, comentaba que se cuestionaba se o seu traballo servía de algo, mentres asistía a unha operación cirúrxica nunha zona de conflito. O traballo dos médicos é incuestionable, o seu efecto é inmediato e normalmente perceptible. O traballo do que conta o que ve, é menos agradecido nese sentido, e non conta cun feedback directo. Finalmente, comentaba Sancho, "ayudamos a salvar vidas, no sólo con medicamentos, también contando lo que está pasando".

Ana Expósito se mostrou moi convencida de comprender cando debía ou non debía usar determinado tipo de imaxes. Da súa exposición podemos concluir que a lexitimidade para usar determinado tipo de imaxes (mortos, membros, sangue, desnutrición) queda asegurada no momento no que os propios e as propias protagonistas da historia piden e animan ao xornalista a difundir esa imaxes, pois ese é a única maneira de que o resto do mundo comprenda, ou queira se quera botarlle un ollo, ao que está a ocorrer no lugar.

Entre anécdotas, historias, e reflexións, puidemos escoitar os alí presentes relatos duros contados coa madurez de dous profesionais que asistiron a escenarios dos que nunca nos poderemos facer unha idea, de non ser que os viviramos.

Por Javier Sancho soubemos que o conflito actual na fronteira entre Ruanda e O Congo xa leva cobradas cinco veces máis vítimas —o que poderían supor entre 2,5 e 5 millóns de persoas— que o xenocidio que tivo lugar hai vinte anos no castigado país dos tutsis e os hutus.

Ana Expósito comentou que as violacións masivas de mulleres son a forma máis efectiva de rematar coa moral e destrozar un país. Tamén afirmou estar farta de recibir ordes de cubrir bombardeos e falar con xenerais, mentres outras historias, como por exemplo o relato das mulleres, queda fóra da grella informativa.

Corolario
Hai persoas que se xogan a vida para poder dar voz e poñerlle cara ás vítimas de xenocidios, guerras inxustas (se hai algunha que non o sexa) e remover a conciencia da opinión pública, para que atenda ao que ocorre máis aló do seu contexto inmediato. As imaxes, atroces, sanguentas, e crueis, son ás veces precisas para que atendamos, para sacarnos da nosa apatía, se ben Susan Sontag afirmaba en Ante el dolor de los demás, que a constante exposición ás mesmas acabou por facernos inmunes aos seu poder. Deixemos, pois, de ser inmunes, apáticos, e atendamos á vida de quen pasa quince anos nun campo de refuxiados e nunca deixa de ser sorrir, e aprenderemos a valorar máis o que temos, e a rexeitar os espectáculos morbosos que só buscan un impacto de audiencia traducible en ingresos publicitarios.


225

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...