10.22.2014

Mónica Oriol, pobre incomprendida

A señora Mónica Oriol parece estar a ser vítima da perversa obsesión que teñen os medios por atopar o que na comunicación chamamos gancho, o soundbite, o titular. De aí que toda declaración, diga, é sacada de contexto, pois ela pensa ser para a audiencia, o que un adolescente é para os seus pais, unha incomprendida.

Ademais, parece que a presidenta do Círculo de Empresarios está a traballar firmemente por impulsar un modelo económico que faga, se cadra, máis complicado que todos aqueles e aquelas que estamos en idade laboral, gardemos a romántica idea de cobrar unha pensión dentro de trinta ou corenta anos.

En abril afirmaba que era necesario rebaixar o salario mínimo para os que non tiveran formación. En concreto non consideraba axeitado que a normativa obrigase ás empresas a pagarlles un soldo "aunque no valgan para nada", unha paga que segundo ela "no producen".

Como de seguro que no Círculo, gostan moito dos datos aquí temos un mapa que amosa a abusiva situación na que se atopan as empresas en España, en relación aos seus colegas europeos, no que ten que ver co salario mínimo (datos do 2013):

 Salarios mínimos na UE, Croacia, os países membros da AELC e os países candidatos, xaneiro de 2013, en €. EUROSTAT


Como a maioría dos lectores e lectoras saberán a comezos deste mes, Mónica Oriol afirmou que prefire contratar a mulleres menos de 25 e maiores de 45 anos, polo problema ese que poden sufrir, chamado embarazo. Como guinda, e para continuar reducindo tanto o mercado potencial de traballadores, como o número de afiliados á Seguridade Social, propuxo hai dous días dende a súa tribuna, reducir entre 4 e 9 puntos porcentuais do PIB español, coa fin de alixeirar o peso da Administración, o que podería supor un recorte de entre 40.000 e 90.000 millóns de euros, e o despido (mil arriba, mil abaixo) de entre 5.000 e 7.500 funcionarios; coa consecuente merma no mercado de consumo, imperceptible quizais a nivel macro, pero moi importante para o bar da esquina, o super do barrio, ou a perruquería de confianza.

Cobraremos pensións?
Durante o IV Congreso EFPA de Asesores Financeiros que tivo lugar o venres día 10 de Outubro en Santiago de Compostela, varios dos speakers —entre os que se atopaba o profesor do Departamento de Economía do IESE, Javier Díaz-Giménez— consensuaron que o actual modelo de pensións será imposible de se manter no tempo; a baixa natalidade e o aumento da esperanza de vida, que tamén provoca o aumento dos anos nos que dependeremos de asistencia socio-sanitaria, amosa que cobrar o 80% do último soldo ata que nos metan nunha caixa, non será sostible a longo prazo.

A solución non pasa por aumentar a natalidade (pois o traballo infantil, amais de inmoral, é ilegal e os bebés non cotizan, polo de agora), nin fomentar a inmigración (os datos mostrados no congreso falaban de ter que acoller a 30 millóns de inmigrantes de aquí a 2050, o que supón case un millón ao ano), nin aumentar a idade de xubilación (viviremos máis tempo, si, pero tamén teremos máis tempo de enfermidades, e dependencia), nin aplicar modelos mixtos, nin puros, nin neoliberais, nin keynesianos; e moito menos pasa por reducir os salarios dos que non puideron ou non quixeron formarse, nin evitar ás mulleres en risco de embarazo, nin en defenestracións masivas de funcionarios.

Ao parecer temos dúas opcións, ou aceptar que logo de xubilarnos cobraremos unha pensión básica e menor en relación coas porcentaxes actuais, ou por outro lado, aceptar que o Estado español financie unha campaña que estimulase a morte aos 75.

Pero penso que á señora Oriol, o que cobre ou non cobre eu no 2051, pouco lle ha de importar.

251

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...