2.27.2014

Oito libros para (intentar) entender a crise

015
Nunha economía de mercado capitalista a intervención do Estado considérase innecesaria pois esta auto-regúlase grazas ás leis de oferta e demanda, e a libre competencia. Porén, evidente é, que na práctica, o aparato estatal ten que meter a man para darlle na caluga a Adam Smith moi a miúdo, e intentar resolver os problemas provocados por unha xestión inadecuada e fraudulenta dun aspecto transcendental na economía: a información.

Se todos os axentes que actúan no ámbito tanto produtivo como financeiro, dispuxesen da mesma información, isto reduciría considerablemente os investimentos en produtos tóxicos (pois ninguén mercaría lixo), as fraudes de toda índole, ou algo tan básico como que un consumidor non pagase o mínimo prezo posible (sostible e legal) dun produto dado.

Obviamente a realidade danos cada día nos fuciños, e tanto por sobre-información como por des-información, as bancarrotas e calotes forman parte habitual deste maléfico xogo chamado mercado do capital. Considerando que a comprensión do mundo que nos rodea é fundamental para podérmonos mover nel, e avanzar (aínda que un sempre pode decidir quedar na casa e ver a televisión), comecei hai un tempo a ler libros que tratan as causas e consecuencias da crise crediticia que estourou no 2008, sendo estas analizadas dende diferentes perspectivas.

A súa orde (a dos libros), e relación é, na maioría dos casos continxente, pero non racional. É dicir un libro levoume ao outro, por ter puntos en común, e dun modo moi orgánico e pouco metódico.

"El malestar en la globalización"
Joseph E. Stiglitz, premio Nobel de Economía 2001, presenta a súa visión crítica da globalización, nun ensaio onde se repasan a maiores crises (algunhas delas pouco mediáticas) de carácter económico que tiveron lugar en todo o mundo, culpabilizando en numerosas ocasións ás medidas adoptadas polo Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial (do que foi vicepresidente) verbo dos empréstitos a países con problemas na súas contas correntes, ou en vías de desenvolvemento. O libro foi publicado en 2002 pero a reflexión e descrición das diversas crises que tiveron lugar dende o pasado século, formula un contexto ou background moi útil (por non dicir esencial) para comprender o estoupido da burbulla financeira e inmobiliaria.
«Se os especuladores só se arrebataran diñeiro mutuamente, sería un xogo pouco atractivo —unha actividade sumamente arriscada, cun rendemento medio igual a cero, dado que as ganancias duns se corresponden coas mesmas perdas doutros—. O que volve á especulación rendible é o diñeiro dos gobernos, apoiados polo FMI. Por exemplo, cando o FMI e o Goberno brasileiro gastaron 50.000 millóns de dólares para soster o tipo de cambio nun nivel sobrevaluado a finais de 1998, onde foron os cartos? O diñeiro non esvaece no aire. Acaba nos petos de alguén; en boa medida, os dos especuladores. Algúns especuladores poden gañar e outros perder, pero os especuladores en conxunto gañan a mesma suma que o Goberno perde. En certo sentido, o que mantén aos especuladores é o FMI.» 
"El informe Stiglitz"
No 2010, Stiglitiz publicou este report xunto cunha comisión de expertos financeiros da ONU, baixo o subtítulo de "La reforma del sistema económico en el marco de la crisis global". Escrito nunha linguaxe menos literaria e máis aséptica (en relación con outros ensaios), na publicación podémonos informar sobre o que se considera un sistema obsoleto de economía de mercado, amais da necesidade de crear novas institucións a nivel global para a vixiancia, control e (de ser posible) castigo das entidades financeiras que foron partícipes (aínda que non punibles e culpables) da crise do 2008 e dunha ulterior recesión, comparada por numerosos autores coa Gran Depresión dos anos 30. A lectura é algo tediosa e o éxito das propostas segue a ser unha incógnita, pero a súa lectura permítenos coñecer a opinión especializada e experta verbo do que ocorreu, do que ocorre, e do que queren que pase co actual sistema económico.

"El retorno de la economía de la depresión y la crisis actual"
Na mesma liña crítica que Stiglitz, o Premio Nobel de Economía 2008, Paul Krugman (moi coñecido polo seu blogue no New York Times), trata nos seus últimos libros de, poderíamos dicir, divulgación económica, a economía en tempos de recesión, a crise(s), e as súas causas, consecuencias e posibles solucións. Nunha linguaxe asumible para iniciados no mundo financeiro, Krugman repasa neste libro (do 2009) as grandes crises do mundo occidental e oriental, mencionando tamén ao FMI, tratando as implicacións dos gobernos nas mesmas, e de como se anima aos especuladores a tomar riscos cada vez máis grandes grazas ao soporte de papá Estado (inxuriado na teoría polos neoliberais, pero na práctica, salvavidas de banqueiros e grandes investidores):
«Os países modernos, aínda no caso de non garantir explicitamente os depósitos, non teñen valor para deixar que as viúvas e os orfos perdan os aforros de toda unha vida simplemente porque os puxeron no banco equivocado, do mesmo modo que non poden quedar ao marxe cando o río desbordado arrastra as casas construídas imprudentemente na terra chá exposta ás inundacións do mesmo río. Só os conservadores máis duros desexarían que fose doutra maneira; pero o resultado é que as persoas non teñen coidado de onde constrúen as súas casas e aínda teñen menos cando se trata de colocar o seu diñeiro.» 
"Acabad ya con esta crisis"
Nesta ocasión, tamén Krugman, e no 2012, trata exclusivamente a crise do 2008, resultado do estoupido da burbulla inmobiliaria e financeira, cunha forte crítica ás políticas de austeridade e de inxección de capital aos bancos por parte da Reserva Federal estadounidense (FED), e de como as medidas tomadas no país da liberdade se trasladaron e afectaron ao resto do mundo, amais de manter unha visión negativa da actuación dos gobernos que lonxe de axudar aos pequenos aforradores e á poboación en xeral, acaban por encher os petos de banqueiros, hedge funds e grandes empresarios:
«Todas as nacións máis endebedadas de Europa —todos os países que pediron prestado moito diñeiro durante os anos previos á crise (na súa maioría para financiar o gasto privado, non o gobernamental, pero deixemos isto de lado por agora)— afrontan agora as crises fiscais: ou ben non poden pedir cartos prestados, ou ben só os conseguen a taxas de interese extraordinariamente elevadas. Ata agora conseguiron non quedarse cos petos baleiros, literalmente, porque de varios modos as economías máis fortes e o Banco Central Europeo estiveron canalizando empréstitos na súa dirección. Agora ben, esta axuda viña con condicións: os gobernos dos países endebedados víronse na obriga de impor salvaxes programas de austeridade, recortando drasticamente inclusive nos conceptos básicos, como a atención sanitaria.»
"Hay alternativas"
Para comprender mellor as peculiaridades do caso español dentro da crise global, este pequeno libro (que recolle en certo modo as propostas económicas de Izquierda Unida) publicado en 2011 e firmado por Vicenç Navarro, Juan Torres López e Alberto Garzón Espinosa con prólogo de Noam Chomsky, intenta formular alternativas (incluíndo unha relación de propostas concretas moi interesantes, como utópicas) ás medidas que foron adoptadas tanto polo Goberno socialista como polo popular para tratar de sacar ao Estado da recesión económica. Nunha linguaxe divulgadora, pon na mesa numerosos datos sobre impostos, ganancias de grandes empresas españolas, e medidas que en lugar de beneficiar ao conxunto dos contribuíntes, volven, unha vez máis, a ser claramente favorecedoras para con ese 1% da poboación que ten a maior cantidade de capital.
«¿Permitiríase que Telefónica puidese despedir ao 20 por cento do seu cadro de persoal en España o mesmo ano que gañou 10.167 millóns de euros si se considerara que o valor económico máis importante é a satisfacción das necesidades humanas?»
«...non é verdade que o paro, a crise, a pobreza ou o reparto tan desigual da riqueza sexan resultado de que fallan uns mecanismos de enxeñería, como os dun reloxo, que non ten nada que ver cos individuos e a súa posición social e que, por tanto, deban ser resoltos por técnicos, como adoitan dicir os neoliberais. Todo o contrario, estes paradoxos, estas contradicións e estes problemas aparecen precisamente como consecuencia de que as persoas temos unha capacidade moi desigual á hora de dar valor ou facer efectivas a nosas preferencias.» 
"España se escribe con e de endeudamiento"
José María Gay de Liébana —profesor na UAB— é un dos economistas máis mediáticos na actualidade, e se ben, as poucas intervencións que puiden ver na televisión non van máis alá dun reducido tempo e uns datos illados que non permiten reflexionar nin aprender de, este libro publicado en 2012 representa sen dúbida un dos traballos de contabilidade das grandes empresas españolas máis interesantes dos últimos anos. Aínda que a linguaxe técnica nos obriga a indagar na Internet na busca de cash flows, activos non correntes, pasivos correntes e demais tecnicismos, este rexistro de contas e débedas bota luz con táboas e gráficos verbo das causas do enorme déficit público e privado que soporta o Estado español.
«No caso do Ibex 35 os ingresos en 2011 representan o 72,5 por cento sobre o total da débeda contraída. O valor de 2011 na relación entre ingresos explotación/débeda total é de feito o mellor ao longo deses últimos catro anos. Por cada 100 euros de débeda das empresas do Ibex 35 en 2011, estas a través dos seus ingresos cobren 72,5 euros. Corolario: moita débeda para eses ingresos ou ingresos que non están á altura da débeda.»
"Las cloacas de la economía"
Para tratar de comprender un pouco mellor como funcionan os paraísos fiscais, a corrupción, as offshore, trata de brancas, narcotráfico, hedge funds..., e das súas implicacións a nivel global, amais de posibles solucións, o Catedrático en Economía Aplicada, Roberto Velasco publicou no 2012 este libro con gran acollida da crítica e lectores especializados. un libro, a todas luces, imprescindible para entender, en que mundo vivimos.
«As grandes empresas españolas tamén gozan do seu particular edén. O 80% das compañías que cotizan no Ibex-25, a maiores do país, están presentes nos paraísos fiscais a través de sociedades participadas e non informan das súas actividades neses territorios, segundo detalla na edición referida ao ano 2009 nun estudio titulado "La responsabilidad social corporativa nas empresas do Ibex-35", realizados polo Observatorio de Responsabilidad Social Corporativa. Este informe denuncia estratexias "pouco responsables e claramente incoherentes desas compañías cas mensaxes de sostibilidade e contribución ao desenvolvemento que defenden nas súas memorias. E explica que mentres as inversións en paraísos fiscais crecen de forma esmagadora (entre xaneiro e setembro de 2010 o seu montante duplicou o de todo o ano 2009), en España a recadación por imposto de sociedade afundiuse un 55% entre 2007 e 2009, pese a que os beneficios empresariais só baixaron un 14% no mesmo periodo.»
"El Banco"
Baixo o subtítulo "Cómo Goldman Sachs dirige el mundo" (2010), o xornalista belga Marc Roche, correspondente en Londres de Le Monde, realiza un gran traballo de documentación e investigación para explicar o nacemento dos bancos máis poderosos do planeta e pon nome e apelidos (literalmente) aos responsables da crise crediticia e inmobiliaria de 2008, amais de amosarnos ata onde chegan os fíos de ferro e os enormes conflitos de interese de Goldman Sachs, na súa maquiavélica e ambiciosa obsesión por enriquecerse, tomar o control, e dominar o mundo. Unha crónica tan emocionante como aterradora que nos mostra como as hipotecas subprime, os credit default swaps (CDS), as collateral debt obligations (CDO) e os hedge funds provocaron a maior recesión económica dende 1930.

«...Goldman Sachs non fai nada que sexa ilegal porque o risco non paga pena. Pero iso non quere dicir que a firma, aguzada pola súa cobiza —a palabra non é de ningún modo demasiado forte—, guiada tamén pola súa arrogancia, non cruce alegremente a liña vermella. Os seus operadores nas salas de mercados son xogadores que barallan sen cesar os naipes na busca da combinación que lles permitirá levarse o jack pot, o premio gordo.»

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...