10.10.2014

Volve a radio de Culturadeseu

Non era sen tempo, e ao final puidemos volver gravar a versión radiofónica de Culturadeseu. Tras algún erro técnico e outros humanos, pero sen maiores casualties, conseguimos falar durante preto dunha hora sobre as novas formas de produción, exhibición, e distribución de cinema e contido audiovisual co director, guionista e produtor, Enrique Otero, a xornalista e experta en comunicación on-line, María Yáñez, e o director e tamén guionista Alfonso Zarauza.


A conversa, que se emite esta tarde ás 18:00 no Campus Culturae e que logo se poderá descargar en calquera momento, xira arredor da distribución de Encallados (2013) unha das últimas películas do director Zarauza, que recorreu gran parte de Galicia, amais de Madrid e Londres, grazas ao esforzo dun equipo de promoción no que se atopa a convidada, María Yáñez; unha distribución pouco convencional que pretendeu (e aínda pretende) levar a cinta ao maior número de espectadores e salas nunha sorte de estratexia porta-por-porta mediante o uso das redes sociais coma único sorporte publicitario.

Tamén falan os convidados do financiamento da industria audiovisual e a necesidade e os modos de investimento público dun eido do que algúns queren non saber da enorme capacidade que posúe para promocionar e proxectar Galicia no exterior; poñamos como exemplo a cinta de Lois Patiño, Costa da Morte que foi seleccionada en máis de 60 festivais en todo o mundo. 

Rematamos o tempo de radio deste noveno programa cunha nota musical a cargo da Banda dos Crebinsky (da cal forma parte Enrique Otero) que estarán o 19 deste mes na sala Capitol xunto a Som do Galpón e Radio Cos dentro do festival internacional de música folque Womex, pero non sen antes coñecer os vindeiros (e tremendamente interesantes) proxectos que teñen entre mans os nosos convidados, aos que non poido deixar de agradecer a súa presenza, neste (primeiro) retorno da radio de Culturadeseu.

240

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...