10.13.2014

Coidado cos neoliberais

Daniel Lacalle
O venres pasado formei parte da organización dun encontro de asesores financeiros que tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Cara o final da xornada produciuse un pequeno debate entre dous pesos pesados e se cadra antagónicos: José Carlos Díez e Daniel Lacalle.

Mentres o primeiro mostraba argumentos de carácter keynesiano para explicar a crise e a saída da mesma (na liña dos premios Nobel de economía, Joseph Stiglitz e Paul Krugman, ou o profesor Mark Blyth), o segundo, Lacalle, nunha actitude que recordaba de cando en cando á soberbia da personaxe interpretada por Leonardo DiCaprio na película de El Lobo de Wall Street, non deixaba de dirixirse aos alí presentes criticando aos gobernos e aos políticos, acusándoos de ser os causantes de impedir o remate da depresión económica, con grandes sumas de diñeiro investidas en estímulos económicos, (de gasto público) que o economista neoliberal afirmaba —con vehemencia e mentres sinalaba a algúns dos presentes— "salen de su bolsillo, y del suyo, y del suyo también". Criticaba ademais e duramente o rescate dos bancos, e cando falaron do papel dos mercados na crise derivada do estoupido da burbulla financeira e inmobiliaria, Lacalle, adoptaba unha actitude arrogante e irónica, que lonxe de formular respostas, pretendía descualificar unha pregunta que non lle gustaba nada. 

Algúns rían, e outros asentían. E non só os asistentes, tamén persoas do staff, descoñecedoras da xerga financeira. Cando un está acostumado ao discurso neoliberal e o dos libertarios (anarquistas de dereitas) que desexan —como o Tea Party dos EUA— a eliminación total do Goberno, e do Estado, pois adxudícanlle a el todos os males habidos e por haber, sabe estar alerta, ante declaracións populistas coma a do señor Lacalle, que quere vivir nun mundo dominado polo mercado, onde un —por exemplo— só podería ter a policía, a xustiza, a sanidade ou a educación que se puidese pagar. 

O problema o atopamos, cando unha parte da cidadanía que non está familiarizada coas consecuencias últimas dos argumentos neoliberais, acaba por favorecer este tipo de declamas en contra do Estado do Benestar, e da sociedade como persoas que forman comunidades de cidadáns, e a favor de sociedades de persoas que forman individuos consumidores. Falan dos políticos coma ladróns e coma corruptos, aproveitando as conxunturas actuais e as axendas mediáticas. 

Analistas económicos como Daniel Lacalle afirman que a crise afectou a todo o mundo, e que quen perdeu cartos, o fixo por estar mal informado, ou por non xogar ben as súas cartas; que moitos foron os traballos que se perderon na City financeira de Londres... Mentres os datos lle quitan a razón, pois nos EUA o 90% das familiar viron decrecer as súas rendas, mentres o 10% restante, gañaron tantos cartos, que resulta terriblemente insultante. En España, a situación non dista demasiado desta. 

A única e mellor ferramenta que temos para loitar contra estes argumentos e informarse, informarse, e informarse.  Se cadra a lectura destes oito libros, axude.

243

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...