052
Deberíamos deixar xa de mentir aos nenos. Comezando polos Reis Magos. Menos mal que xa non van ter que aprender falacias da man de materias como Educación para a Cidadanía, cuxo título xa crea expectativas difíciles de acadar verbo do que esconde a realidade cando un pasa da puberdade e se converte nun adulto. Cidadáns, é un concepto des-actualizado. Grazas á LOMCE non terán que estudar de forma regulada que todos somos iguais ante a lei, que debemos respectar a aqueles que non teñen as nosas mesmas ideas, ou que son doutra raza, ou que aman en contra da norma.Para cando ao Goberno Zapatero se lle ocorreu introducir esta ensinanza, a crítica conservadora foi ben curta de miras. Estaba obsesionada con que querían adoutrinar ao futuro da nación española sobre o que estaba ben ou estaba mal, cando todos sabemos que ese papel xa está adxudicado, e o interpreta a Igrexa, per secula seculorum. Como a dereita adoece dunha enorme falta de creatividade (a creación cultural é subversiva) non souberon aproveitar, agora no poder, a enorme oportunidade que lles brindou o PSOE para facer do soño neoliberal, unha realidade.
Porque xa hai tempo que deixamos de ser cidadáns, e por que os rapacxs que hoxe teñen dez anos serán menos cívicos ca nós. Serán, como todos somos, meros consumidores. Por iso, se os conservadores da dereita española deixaran de preocuparse das festas nacionais, do orgullo nacional, das asociacións contra os desafiuzamentos e de descualificar rudamente ao contrario nas canles de televisións, e pola contra adicasen algo de tempo na educación e o futuro da súa prole, quizais, e sen ambaxes, creasen unha Educación para o Consumo, e eliminasen xa por fin todo coñecemento creativo e libre, que non fai máis que crear comunidades de pensadorxs, críticxs e descontentxs; pobres infelices aos que nos colexios lles ensinaron hai anos que todos somos iguais, que todos temos as mesmas oportunidades e que de traballar arreo, ata o máis feo, pobre e negro, pode chegar ao cumio da montaña. Mentiras. Do mesmo modo que se nunca nos falaran da existencia dos Reis Magos, non habería necesidade de correr o veo e destapar unha decepcionante realidade, se lles contamos aos pequenos que o mundo real está cheo de desigualdades, que todos fan e desfan dependendo do seu berce, da súa falta de escrúpulos e da súa capacidade para acumular máis capital e empobrecer ao veciño, quizais os pupilos abandonaran as aulas convertidos en perfectos consumidores, ou en perfectos produtores, pero a ningún deles ou delas se lles pasaría pola caluga tratar de cambiar o establecido, nin pasar as noites sen durmir na busca dunha resposta, cuxa pregunta, aínda está por formular.
Quizais lles mentimos anos nenos porque queremos que vivan unha realidade desexada, aínda que inexistente. Consideramos que por unha fracción de tempo os podemos protexer do mercado e da precariedade, mais inzámoslle a cabeza con anxos, demos, virxes imposibles e trinidades kafkianas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario