4.19.2014

Das relacións de poder

064
Fíxense nas relacións que se establecen entre a súa veciña do quinto e a súa veciña do sexto. Sígaa pola rúa e escoite atentamente as súas conversas co resto de persoas que viven ao seu carón. Como trata coa caixeira do supermercado, coa dona do bar da esquina, coa directora da sucursal do seu banco, coa notaria da xestoría ou coa muller que lle viste os santos ao cura. Como se expresa co cura, como tece amizades ao seu arredor, como estas amizades poden resultar en ofertas laborais, de ocio ou de amor; de como a necesidade diaria de obter sustento, experiencias e emocións que aparten á súa veciña do monotonía da televisións vespertina, a leva a coñecer a novas persoas ou a reforzar antigas relacións.

Multiplique os días da súa veciña por dúas décadas, nas que, dependendo do seu berce, foi creando conexións e círculos de poder na súa contorna. Teña en conta que a aleatoriedade é importante, pero Deus non xoga aos dados co universo, e cada decisión tomada pola súa veciña (casar ou non casar, estudar ou non estudar, sair ou quedar, entrar ou marchar) determinou e evolución posterior da súa vida, do seu posto de traballo, da súa parella sentimental, da súa forma de practicar sexo, ou da súa saúde. 

Multiplique agora isto, non por tempo, mais por persoas, digamos un millón. Cada unha das persoas integrantes desta hipotética sociedade toma as súas propias decisións. Tamén dependendo da familia na que nacera, o contexto, a infancia, as amizades, os amores, a alimentación, a educación... pero ao fin e ao cabo son decisións, e son humanas e tan contabilizables como categorizables. 

Tendemos a pensar que os atropelos que teñen lugar a nivel doméstico ou local, os problemas e os desencontros entre os participantes desto que chamamos sociedade, as filiacións, o clientelismo, o caciquismo e a endogamia son só comúns no noso ámbito máis achegado, esquecendo que nas altas esferas (as máis altas que vostedes goste imaxinar), non se produce senón a reflexión dos patróns que nos ensinan e rodean dende que somos nenos. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...