4.24.2014

U-lo cinema queer galego? (II)

069
Este domingo día vinte publiquei o primeiro artigo na procura dun cinema de temática queer producido en Galicia. A miña busca, nun primeiro momento motivada pola caótica curiosidade, levoume a acoutar o que podo considerar, xa non só como queer, senón que é o que me interesa atopar no relacionado co lugar e contexto de factura. Concluín que será incluído nesta pescuda aquel cinema (xa sexa longo, medio ou curto) ou video-arte que teña, —obviamente— por temática o queer, pero que sexa realizado por galegxs, ben de nacemento, adopción ou transición; e non é chauvinismo, simplemente considero importante coñecer a visión non heteronormativa da e dende a realidade galega, coa fin de facer unha valoración sobre quen posúe os medios da produción cinematográfica e audiovisual, as barreiras (visibles ou non) coas que se atopan os creadores queer para poder realizar obras baseadas nas súas inquietudes desviadas, amais da transcendencia que obteñen os filmes que tratan a diversidade sexual, o seu impacto na opinión pública, a súa capacidade pedagóxica (como guías tanto para os apocalípticos como para os integrados), e, en última instancia, o valor da obra queer como espello dos problemas que atopan os que non seguen a norma, e a súa necesidade como catalizador do proceso de normalización da denominada pluralidade sexual, así como a súa calidade catártica para cos que se identifican coas historias, personaxes ou situacións contadas, reconfortándose e evitando a sensación de marxinación existencial.

Conforme a estas bases, teño que admitir a miña decepción, pois de novo, non puiden atopar (aínda) todo o que busco. Si dei coa artista nacida en Ferrol, Peque Varela, quen no cuarto e último ciclo de cine LGTB realizado no Teatro Principal de Compostela no 2009, presentou a súa curtametraxe animada 1977, no que unha nena vai en busca da súa identidade. A cinta, de produción galaico-británica, participou no prestixioso Sundance Film Festival, amais de gañar de 15 premios a nivel internacional.


Imaxe do protagonista de Querelle.
Nos catro anos que durou este Ciclo en Santiago, a peza da artista Varela, foi a única representación galega. Acudín en busca dos programas destas proxeccións temáticas, coa intención de atopar obras que se adecuaran ás miñas premisas, mais non. E non é que o Ciclo carecese de filmes interesantes —de entre eles Querelle do director Fassbinder, totalmente recomendable—, senón que non incluía ningún de factura do país; probablemente non por censura, pois un non pode prohibir o que non hai, e estou comezando a pensar que non vou dar atopado probas suficientes que demostren a existencia do cinema queer galego.

Seguirei buscando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...