4.04.2014

«Angrois: o AVE en anacos»

049 
«É sábado 21 de xullo. Quedan catro xornadas para o Día de Galicia e xusto tres meses para que o 21 de Outubro, Manuel Fraga, con 78 anos, obteña a súa última maioría absoluta nunhas eleccións autonómicas. Os comicios están aínda sen convocar, pero o PP está xa en precampaña. Toca colocar unha primeira pedra, de xeito que este 21 de xullo de 2001 se congregan nas aforas de Santiago, xunto ao presidente da Xunta, o presidente do Goberno, José María Aznar, o seu ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, e o conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña.  
Doce anos e tres días despois, na véspera doutro Día de Galicia, tamén as aforas de Santiago acollen o desembarco dos mesmos cargos (presidente do Goberno, ministra de Fomento, presidente da Xunta e conselleiro de Infraestruturas), aínda que ocupados xa por persoas distintas. Se en xullo de 2001 estaban de festa, doce anos e tres días despois están de loito. Contemplan o escenario dunha traxedia, o lugar no que morreron 79 persoas, o barrio santiagués de Angrois, nesa periferia urbana que as autoridades só adoitan visitar para inaugurar obras».

Deste modo comeza a crónica da traxedia ferroviaria que tinguiu de amarelo a maioría dos xornais españois e galegos, e de negro as fotografías dos perfís de moitos cidadáns que se solidarizaron coa morte de 79 persoas.

Cando ten lugar un accidente desta magnitude adoito arredar do seguimento informativo, xa que en lugar de manterse un ao día do que aconteceu, remata por ser testemuña dunha sucesión de datos non contrastados que alimentan o morbo e aumentan as visitas dos media on-line, e o share das principais canles de televisión.

Por iso, cando souben da publicación dunha crónica verbo do sucedido, considerei que era un momento prudente e oportuno para intentar saber algo máis do que aconteceu; tanto pola distancia temporal dende os autos, como por quen editaba o libro. Xa que logo, encarguei á editorial Meu&Book, unha copia de Angrois: o AVE en anacos, asinado polo xornalista David Reinero, e avalado por Praza Pública.

A lectura 
Sen aleivosía, hoxe, venres, subín nun tren de media distancia, e comecei a lectura do mesmo. Sempre leo nos traxectos longos, levaba a devandita publicación na carteira, e considerei que ler do descarrilamento, enriba das vías, non era excesivamente sádico.

Rematei o libro hai pouco, xunto antes de comezar a escribires este texto. Só quedan vinte e dous minutos para chegar á estación de Vigo, pois son as 21:26. E considero sen ambaxes, que para quen queira un relato cheo de adxectivos que fan referencia á horror da morte dos falecidos ou a fatalidade do accidente, dende unha visión tremendista e tabloidista, que non se moleste en mercalo. Se o que buscan é unha descrición honesta e fundamentada das diferentes partes implicadas na traxedia de Angrois, poden adquirilo cando queiran.
Fágome cargo de calquera insatisfación lectora do mesmo.

Para mercar este libro e outros dentro da edición podedes acceder a www.meubook.com.

















No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...