4.15.2014

«Dajla. Apuntes desde o Sáhara»

060
Grazas a unha viaxe á cidade de Dajla, co gallo da celebración da décima edición do FiSahara (Festival de Cine Internacional), o xornalista Héctor Juanatey Ferreiro, recolle nun pequeno libro, unha crónica de apuntamentos, coma un diario sen días explicitados na cabeceira, onde se reflicten as impresións dun mozo que foi ao Sáhara Occidental, a vivir seis días nunha haima, para ver películas, pero que non puido evitar, por mor da súa curiosidade, reparar nas crúas realidades que os rodearon durante a súa estadía, excursións, transportes e encontros.

De modo directo e honesto, detallista pero evitando os ornamentos literarios, traslada Juanatey unha visión moi persoal do seu periplo a este non-lugar. O xénero escollido permítenos ver a través dos seus ollos, e persoalmente, quizais por que un servidor e o autor somos case da mesma promoción e da mesma Universidade (aínda que non nos coñecemos), comparto co narrador multitude de recursos narrativos, propios —considero— dunha (nosa) xeración, que non atende a pautas nin guías de (dis)curso, e que ten que saltar de bolsa en bolsa, colaborar e e-laborar so promesa de visibilidade e éxito, cando de momento, no supermercado, para mercar un quilogramo de patacas, teñen a mala costume de pedir, non contratos fantasma, mais moedas coa cara do Rei.

Déixovos un fragmento da historia. O libro podedes adquirilo en MeuBook.

«De noite, polo menos durante o Festival, o silencio e a escuridade da wilaya só era esgazado polo motor e os faros dos vehículos de seguridade. Eles daban voltas pola zona das haimas para asegurar a tranquilidade do soño. Non deixaban que ninguén volvese só á súa haima. Se vían uns pasos dun camiñante solitario, recollíano e levábano ao seu destino.
Unha tarde, pouco antes dun desfile tradicional saharauí, falei con Willy Toledo sobre o que lle aconteceu aos cooperantes. El comentoume que hai saharauís que pensan que Marrocos pode estar detrás do acaecido.
— Pensa, o que pasa se nos campamentos hai inseguridade?
— O que pasa?
— A xente terá máis medo de vir, mesmo as organizacións de axuda humanitaria. Se se incrementa a inseguridade, a xente pensará dúas veces se quere vir ao FiSahara. E iso a quen interesa? A Marrocos.
   Ás veces un descóbrese inxenuo ata que esperta.»

Héctor Juanatey Ferreiro mantén o blogue www.encontraportada.com.



No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...