4.06.2014

Ás voltas co Gaiás

051
Sexa por teima propia, ou por mor da influenza que no contexto sociolóxico galego ostenta a construción da Cidade da Cultura, da súa imaxe captadora de todos os males e enfermidade urbanística —en relación ao comentado no artigo sobre o Horizonte 2020, coa intervención do arqueólogo Felipe Criado— ou por pura casualidade, ou por que vivo moi preto da mesma e a vexo acotío e sen querer... ultimamente acabo por comparar demasiados textos, sen importar o lugar e o tempo de escritura, co Buraco Pío que diría, quizais, Granell, como falaramos no artigo sobre as súas pantasmas, a raíz do comentario de crítica Ania González, e, con máis atino, na novela surrealista Lo que sucedió.

Así, no Resumo sobre a industrial cultural de Theodor Adorno, lemos (tradución de Natacha Paris):
«A industria cultural elimina tendenciosamente a autonomía das obras de arte, que certamente case nunca existía en forma pura e sempre foi penetrada por unha combinación de efectos. Os que dispoñen das mercaderías representan tanto ó órgano executivo coma ó soberano. Baixo o aspecto económico, móveos a procura de novas posibilidades de aproveitamento de capital nos países economicamente máis desenvolvidos. As formas tradicionais viraron máis e máis precarias por causa do proceso de concentración que, por outra banda, facilita a omnipresencia da 'Kulturindustrie' a xeito de institución. A cultura, por definición propia, non só se limitaba a estar ó servicio da vontade do home, senón que sempre protestaba contra as endurecidas condicións de vida; e mais agora adáptase totalmente a estas circunstancias e, en certo xeito, degrada ó home. Xa non se trata sinxelamente de que as figuras espirituais da industria cultural sexan amén mercaderías senón de que o son enteiramente e, logo entón, xorden fenómenos totalmente novos. Esta nova industria xa non ten que perseguir directamente beneficios en todas partes, por contra, independizouse da obriga de vende-la mercadería cultural, que ten que ser ' tragada' de tódalas maneiras. 'Kulturindustrie' enlaza con public relations producindo sinxelamente un good will e sen ter en conta empresas nin obxectos de venda en particular. Véndese certo consentimento xeralizado e carente de crítica, faise publicidade para o mundo e, do mesmo xeito, cada produción da historia da industria cultural é a súa propia propaganda.»

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...