4.23.2014

Apaguen a televisión, razón aquí:

068
A Internet ofrécenos a alternativa perfecta para nos arredar das imposicións da axenda política a través das canles mediáticas de (in)comunicación que retransmiten sen pausa mensaxes interesadas, cuxa fin pedagóxica ou didáctica é inexistente, e no canto do público, a función que se lle presume, e pola que levan cartos do erario de todos e de ninguén, é unha pantomima.

Estes altofalantes de discurso unidireccional, incapacitados para o diálogo coa audiencia, tratan de establecer os temas de conversa que se discuten nas salas de estar, nos cafés, nas aulas, nos parques ou na rúa a pé da Catedral. Os telexornais das grandes empresas da (des)información pretenden cada día instalar de forma compulsiva unha grella de trending topics na opinión pública; ofrecéndolles en primeira instancia do que falar, para logo, nos pretendidos debates e faladoiros matinais, de serán e nocturnos, darlles a solución para que saiban o que pensar e ulteriormente, dicir. Entre escena e escena, non contentos con intentar dominar as discusións da taberna, os mass-media, teledirixidos polos grupos de poder político e económico, tratan tamén de dicirnos xa non verbo do que reflexionar, mais o que consumir.

Deste modo, atopámonos nunha situación na que, cremos, que por ter a posibilidade de pulsar un botón e cambiar de canle, somos realmente donos da programación, e que vemos o que queremos ver, e escoitamos o que queremos escoitar, cando o único que facemos e ir dun cuarto sen fiestras a outro, nunha TDT que prometían ser a ambrosía, pero que non deixa de ser a mesma mazá podre, pintada de verde esmeralda. O único botón útil no mando a distancia é o un que pon power, e que lonxe de deixarnos orfos, nos abre todo un novo mundo de posibilidades. O problema é que o abismo se antepón cando a pantalla vai a negro, sobre todo para aqueles que non teñen tempo ou saber para buscar na Internet contidos e formatos que promovan o diálogo, o coñecemento, a mellora do día a día ou a acción fronte á pasividade sedentaria.

Mais non é estraño que os camiños sexan agora máis difíciles de atopar, pois dentro do que Zygmunt Bauman denomina como a modernidade líquida, as formas de facer, de pensar e de vivir hai tempo que foron estragadas e diluídas nunha corrente de auga que muda cada hora. Por iso, xa ter unha carreira non implica traballar como licenciado. Por iso os valores da modernidade desaparecen, e todo ha de ser cuestionado e repensado, nunha era, onde a información é tan grande, as posibilidades tantas, e o tempo semella tan curto, que non é complicado entrar en modo pánico, esquecerse do mundo, e querer pasar a tarde vendo como reforman casas en Divinity.

Porén, eu considero que en lugar de gastar as nosas horas libres, expoñéndonos perigosamente a mensaxes de cuxo obxectivo non coñecemos nin o briefing, deberíamos apagar a televisión, para reinventala, para darlle un novo uso. Para evitar que a ignorancia e a desesperación siga a expandirse, coma din que se expande o Universo, e comece un cambio, do que todos falan nos bares, pero que ninguén quere acometer primeiro, por medo ás represalias dos lobos que dominan o mundo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...