4.18.2014

As redes sociais e Michael Mann

063
A inspiración é unha arma invisible. Non podemos asila coas máns, nin empuñala cando o precisamos; por iso, durante os periodos de traballo intenso, desubicación e cansanzo, adoito botar man da miña biblioteca particular, na procura de ideas, ou simplemente na busca de fragmentos, antes destacados, que ao ser lidos anos máis tarde, cobran novos significados, e espertan novas inquietudes. En particular, hoxe, acabei nun dos capítulos de Las fuentes del poder social, de Michael Mann, onde afirma "os seres humanos son sociais, non societais", e razoa:
«Na base da concepción unitaria atópase unha hipótese teórica: como as persoas son animais sociais, teñen a necesidade de crear unha sociedade, unha totalidade social delimitada e con pautas. Pero iso é falso. Os seres humanos precisan incorrer en relacións sociais de poder, pero non precisan totalidades sociais. Son animais sociais pero non societais.
(...) Como desexan satisfacción sexual, buscan relacións sociais, habitualmente con só uns cantos membros do sexo oposto; como desexan reproducirse, esas relacións sexuais adoitan combinarse con relacións entre adultos e nenos. Para iso (e outros fins) xurde unha familia, que goza dunha interacción pautada con outras unidades familiares nas cales se poden atopar compañeiros sexuais. Como os seres humanos necesitan subsistencia material, establecen relacións económicas e cooperan con outros na produción e o intercambio. Non hai ningunha necesidade de que esas redes económicas sexan idénticas ás redes familiares ou sexuais, e na maior parte dos casos non o son. Como os seres humanos exploran o significado final do universo, debaten sobre ideas e quizais participan con outros de parecidas inclinacións nos ritos e o culto nas igrexas. Como os seres humanos defenden o que conseguiron, e como despoxan a outros, forman bandas armadas, probablemente integradas polos homes máis mozos, e precisan ter relacións con non-combatentes que os alimenten e os equipen. Como os seres humanos solucionan desputas sen recorrer constantemente á forza, establecen organizacións xudiciais con esferas específicas de competencia. Onde está a necesidade de que todos eses requisitos sociais xeren redes idénticas de interacción socioespacial e formen unha sociedade unitaria?»

Na palestra quedaría aplicar este razoamento ás actuais redes sociais da Internet (o texto é de 1991), pois, se ben a integración dos seus membros neste tipo de plataformas pode responder a unha necesidade dos mesmos de satisfacer un sentimento de pertenza, de voyeurismo, de egocentrismo, ou de simple busca de interacción cos demais participantes (ben sexa por fins sexuais, de supervivencia ou lúdicos), por analizar quedaría se os usuarios rexistrados forman unha comunidade (unha sociedade) a pesares de carecer este ámbito da inmediatez dun espazo físico, e de que os seus membros interaccionan, na maioría dos casos, mediados por unha tecnoloxía, na comodidade da súa individualidade.

Por outro lado, e mantendo de fondo as argumentacións de Michael Mann, resulta irónico que en redes sociais como Twitter, a palabra «seguir» fóra escollida como tal, pois sociedade vén do latín societas, e de aí se elaborou socius (un grupo disposto a seguir a Roma nas guerras), o que segundo Mann se trata dun termo común nos idiomas indoeuropeos, derivado da raíz sekw, que significa «seguir», o que denota "unha alianza asimétrica, unha sociedade como confederación flexible de aliados estratificados" en contra da concepción unitaria da mesma.

Ulteriormente, queda reflexionar verbo da solidariedade dos seres humanos. De si todas as nosas relacións sociais se basean nun interese egoísta, ou de se si realmente somos quen de realizar actos puramente altruístas. De si o home a muller son bos por natureza, ou de se o homo homini lupus est. Pero, iso, cando me volva a inspiración.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...