4.14.2014

Nihilismo 2.0, que carallo?

059
Ultimamente non me gusta abrir o Facebook e ter que atoparme con multitude de historias compartidas que levan por título trangalladas como: "Diez razones para saber si tu amigo es hipster", "Como ser indie en diez cómodos pasos", "Diez razones por las que deberías dejar a tu pareja", "Diez razones para saber si tu novio tiene un pene grande", "Diez razones para dejar de comer kiwis"... e por outro lado, resulta cómica unha palpable tendencia liderada por medios como a Jot Down, Vice, ou Playground Magazine, que adoita misturar conceptos filosóficos do século pasado e anteriores, con vocábulos da nosa era dixital, amais de tratar de divulgar (banalizar) obras de grandes pensadores tal que: "Nihilismo 2.0", "Tumblr y Foucault, la historia de la sexualidad", "Pinterest: la otra cara de la Kulturindustrie", "El Ego y el Otro en 140 caracteres", "La Teoría de la Razón Práctica, en 4K".

Se repaso todas as publicacións aquí realizadas, de seguro, non todas son do meu agrado, pois hai días nos que non podo adicar demasiado tempo a escribires. Mais, en xeral, intento non vender gato por lebre, nin dar fórmulas máxicas, como dicía no artigo de "Es muy duro ser la cara de un hombre". Nada me agradaría máis que me pagasen por isto que fago, e poder estar oito horas ao día a ler, informarme, entrevistar, e contar historias con calma e extensión. Pero claro, iso, como a todos.

Pero aínda así, a pesares de non ter todo o tempo do mundo, o que publico neste blogue, adoita ser o resultado dunha forma de vivir e de pensar baseada en evitar toda a programación de Mediaset (teño un problema obsesivo ao respecto), toda intromisión no proceso creativo que pretenda acabar co mesmo, non aceptar protocolos, convencións, nin pautas preestablecidas (desas que ninguén sabe porque existen, pero semellan ser de iure), coñecer xente que comparta estes principios, participar de comunidades que non sexan proselitistas, nin excluíntes, nin dogmáticas, nin anulen polo pensamento de masa a consciencia e idiosincrasia individual... Amais de saír da casa e coñecer xente, sen ambaxes, que para illármonos, xa teremos tempo cando esteamos agonizando deitados nunha cama esquecida no corredor dun hospital sen orzamento suficiente para atender as necesidades dos que levan toda unha vida coa pirámide de poboacional ao lombo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...