2.17.2014

A Cidade da Cultura e o Horizonte 2020

004
A primeira vez que escoitei falar do Horizonte 2020 foi durante un congreso que tivo lugar en novembro do ano pasado, no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo. Era o Maritime and Innovation Brokerage Event e reunía a empresas de diferentes índoles pero relacionadas co mundo económico de base marítima, chegadas de todas as partes do mundo.

Nun dos relatorios (eu estaba alí traballando, non como parte interesada) repetían insistentemente horizon tuenituenti e falaban de millóns de euros, mentres relataban a importancia de satisfacer determinados requirimentos e de entregar e meet the requirements antes dun prazo determinado para poder acceder, o que eu ao final concluín, eran unhas suculentas subvencións en investigación.

Invadido pola curiosidade (esa droga que, con tanta cicloxénese, evita o meu ingreso nun sanatorio) indaguei —busquei en google...— que era aquilo do Horizon 2020, e resultou en tratarse dun programa da UE para a inversión en investigación e desenvolvemento (Research and Development) dotado de, nada máis e nada menos, 80.000 millóns de euros, que se executará durante os vindeiros sete anos.

Por casualidade (e motivación deste artigo), volvín topar co H2020 hai un par de semanas mentres asistía un venres a unha das reunións dos Escépticos en el Bar, no Kunshalle de Compostela.

D. Felipe Criado Boado en Escépticos en el Bar.
O invitado naquela ocasión era o arqueólogo Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias del Patrimonio, e profesor de investigación no CSIC. Cara o final da súa intervención, o doutor mostrounos un pdf onde a League of European Research Universities explicaba por que a "investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, como disciplina académica que xera coñecemento novo e intrinsecamente valioso que pertence a todos os aspectos humanos do mundo, é de vital importancia para o futuro de Europa", e isto, en base aos seis retos sociais escollidos como máis relevantes polo programa Horizon 2020, resumidos en:
Saúde, cambio demográfico e benestar. 
Seguridade alimentaria, agricultura sostible e silvicultura. 
Enerxía limpa, segura e eficiente. 
Transporte intelixente, verde e integrado. 
Loita e adaptación ao cambio climático. 
Europa nun mundo cambiante —Cultura, identidade e cambio social. 
Sociedades seguras —Protexendo a liberdade e a seguridade dos cidadáns europeos.
Se ben isto formou parte do epílogo —e o profesor Criado considerou que amais de pór o foco na falta de atención relativa á patrimonio e herdanza cultural, deberiámonos preguntar quen marca estas liñas de actuación, e o porqué desa escolma, sobre todo a respecto da seguridade e protección da sociedade europea (amalgama cuxos integrantes non están hoxe en día ben claros)—, a exposición tratou sobre as súas pescudas verbo da relación entre os humanos e a contorna natural e arquitectónica que os rodea, e de como, en particular, os aimarás dunha parte do deserto de Atamaca en Chile, trataban aos outeiros e montañas da súa contorna como seres vivos, e do impacto que esta consideración tiña nas súas vidas, que en gran medida xiraban ao redor destes accidentes xeográficos, considerándoos como titores e protectores e aplicándolle toda sorte de calidades humanas.

Logo dunha exposición moi interesante (que me gustaría reproducir, pero non tomei notas, e non quero faltarlle á verdade,—podedes consultar na rede dous traballos relacionados coa intervención verbo de Chile e verbo do megalitismo no nordeste peninsular—) acabamos por falar na rolda de preguntas sobre a Catedral de Santiago, e de como ver a determinados elementos arquitectónicos como seres vivos (parte orgánica cuxo estado nos afecta aos habitantes adxacentes), e comprender a súa traxectoria vital pode axudar a entender problemas estruturais do edificio, amais de problemas sociais e políticos que poden derivar dun edificio tan omnipresente e simbólico na vida da cidade apostólica.

A este respecto, resultoume imposible non pensar na Cidade da Cultura, e do interesante que sería valorar o impacto que tivo e está a ter o mausoleo de Don Manuel, xa non só no maltratado tecido cultural galego, mais tamén na saúde da poboación desta parte da península. Agora, que o que conseguiron erguer xa está a ter problemas (en referencia aos pequenos desprendementos de pedra que tiveron lugar hai cousa dun mes, e a pingueira que aparece na biblioteca de cando en cando), cabe preguntar se poderá durar tanto anos como o apousento da suposta reliquia de Santiago, ou se teremos polo contrario que convencer a Bruxelas de que a inclúa no Horizonte 2020; quizáis aducindo que representa un perigo para a seguridade e liberdade do cidadán europeo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...