6.25.2014

Temos medios, falta xente

131
Na oficina de Correos situada na Rúa do Franco en Santiago de Compostela, hai tempo que había
un ordenador de mesa que ninguén usaba, xunto a unha báscula. A semana pasada seguía igual, cando fun correndo ata alí pensando que me deixaran unha nota de recollida na caixa do correo, que ao final, e, xusto antes de me atender, me decatei estaba dirixida a un tal Manuel, pero non eu; coas presas non lera nin os apelidos.

A cuestión é que onte volvín, e alí estaba eu, a agardar a miña quenda mentres miraba para ese ordenador castigado contra a parede e esbardallaba mentalmente verbo de cal era a cuestión pola cal ese CPU non estaba nun armario, en Kenia, ou no vertedoiro (que desgraciadamente ás veces é o mesmo, mais nós non o imos —queremos— ver). Estaba alí coma cando na casa algo deixa de funcionar e ninguén se decide a tiralo; a chamar ao concello para que pase o camión de recollida. E vía ao ordenador como unha mostra da abundancia estúpida na que estamos anegados. Do estipendio mal xestionado que se fai en certo tipo de axencias e empresas públicas mentres reducen prazas e salarios, e xubilan cátedras e materias. E logo vía que estamos rodeados de medios, de tecnoloxía... e o problema, sabemos (e pensaba) xa non é que non dispoñamos dos instrumentos, dos aparellos, máis agora do que non dispoñemos é de xente, e xente moi cualificada.

Un 25% dos emigrantes do estado son galegos, segundo o Padrón de Españois Residente no Estranxeiro", afirman nunha reportaxe no 5# de Luzes. Un total de 479.558 habitantes que polo que fora, foron en busca de foros nos que poder falar, de fábricas nas que poder traballar, de facultades nas que poder estudar, de fervedoiros nos que a súa visión creativa e innovadora teña presenza e respecto.

Polo momento eu sigo aquí (non pensedes na canción de Paulina Rubio, por favor), coma o ordenador de Correos, contra a parede. Funciono perfectamente, e teño todas as capacidades precisas para estes tempos pos-modernos; o problema é ou non saben de que existo, ou non saben en que armario me meter.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...