118
No peor dos casos posibles, en 2051, seremos 944.000 galegxs menos, o que vén sendo un 1.734.073. Así o proxecta o Instituto Galego de Estatística, e así o infería o economista Joám Lopes Facal, no seu artigo publicado no número de maio de Luzes, titulado A Galiza minguante. De sermos optimistas, dentro de trinta e sete anos, o noso país contará cun catorce por cento máis de poboación, aínda que, segundo o profesor Lopes Facal, non é o escenario máis realista.Número 6 de Luzes |
É do que xa teño falado nestas páxinas virtuais (serva como exemplo o artigo U-lo xornalismo de investigación?), pois eu como subscritor da estadounidense Mother Jones, sorpréndome cada dous meses con extensas reportaxes de investigación que botan luz sobre temas tremendamente interesantes, con rigor, medios, e unha ampla cobertura dos afectados polas historias en particular, acabando ás veces coa sensación de que todos os grandes desastres e bondades só teñen lugar no pais do american dream, mentres aquí estamos a pelexar cos fantasmas de sempre (a corrupción, o caciquismo e os xabarís desbocados que estragan leiras no verán). Pero a verdade é que o número de persoas que apoian economicamente á Mother Jones non ten punto de comparación coas publicación que se poidan editar na nosa parte do mundo. Inclusive personalidades do mundo da política e do star system de Hollywood son recoñecidos supporters dunha das revistas de xornalismo de investigación left-winged —é dicir, tirando á esquerda demócrata—, que máis respecto me merece. Quere isto dicir que debemos tirar a toalla? Non. O que quere isto dicir é que se somos poucos, e cabe a posibilidade de que aínda sexamos menos no futuro, debemos comezar a mirar ben a quen lle estamos a dar os nosos cartos, e investir en presente, apoiando proxectos, ideas e empresas que traballen na nosa contorna, esquecéndonos dunha vez por todas do endemoniado minifundismo, que o veciño nos move os marcos, e de intentar sacar tallada do traballo dos demais, e logo queixármonos de que ninguén fai nada, nin emprende, nin bule. Que como dixo Isabel Risco cando lle entregaron este ano o Mestre Mateo, "producimos a esgalla e somos pobres, carallo".
No hay comentarios:
Publicar un comentario