6.07.2014

Problemas, problemas, problemas

113
O fracking non se pode permitir en Galicia, nin en ningures. Esta práctica pode provocar, e provoca, movementos de fallas, con consecuentes sismos. O da mina de Corcoesto aínda non rematou; a intención de levar o ouro, arrincalo da pedra, con cianuro, para logo deixar unha terra erma, inhabitábel, supera calquera raciocinio e balance de resultados. Ou así debería ser despois de que foramos testemuñas de tanto desastre, tanta non volta atrás, tanto cambio de clima, derreter do xeo antártico, subida do mar e das temperaturas, da perda da pesca, das terras estragadas.

Fonte: www.daphnia.es
O bisphenol A (BPA) debería ser retirado do mercado. Todo. As millóns de toneladas que se producen cada ano para crearen todo tipo de produtos plásticos, algúns dos cales forman parte da nosa vida cotiá. Pero non. Non vai ocorrer. O lobby do petróleo non vai permitir que os estudos independentes que hai anos se están a levar a cabo e que demostran a conexión entre o BPA e as alteracións endocrinolóxicas no proceso de crecemento dos fetos (amais das consecuencias posteriores, como a diabete, o cancro de mama ou a infertilidade) dada a súa capacidade para interatuar coma se fose unha hormona, sexan a chave para a prohibición total do mesmo, como en Francia. E aínda así, usan o BPB, e logo demostran que segue a ser a mesma mona, pero vestida de franela. O da sucesión monárquica sen permitir un referendo parece un episodio de Family Guy. O do concello de Santiago, con Reyes Leis á procura de concelleiros, un insulto á moralidade. A contratación en negro por parte de entes públicos, para actos oficiais, un chiringuito, os mestrados endogámicos auto-realizantes dalgunhas facultades debería ser motivo de vergoña; a actitude evasiva, yo me voy para Madrid, de Alberto Núñez Feijóo 'El Carismático', un exemplo de cainismo, de minifundismo galego, e de feísmo en xeral.

E non nos podemos esquecer de que, mentres decidimos que pensar sobre todo isto, e queremos saber de que vai realmente cada cousa, precisamos: comer san, facer deporte, falar en inglés, coidar dos nosos, traballar, buscar un futuro, non desesperar, ser equilibrados, amables e educados, estar informados, estar á última, mercar roupa, e pensar nos demais. Logo, no meu caso, tamén ler cousas moi interesantes das que poder falar cada día neste blogue e non quedar coma un completo inútil.

Problemas, problemas e máis problemas. Agora comprendo iso da xente que renega da cidade, e se vai vivir ao monte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...