6.28.2014

Mallar n'Abanca

134
"Habería que mallar neles!" berraba un cidadán o xoves pola tarde, preto da fachada da Acibechería da Catedral de Santiago, mentres vía como baixaban tranquilamente preto de cincocentos homes traxeados e galonados cunha //A. Dicía, enoxado, que acababa de baixar da casa, e que ao atoparse coa comitiva dos convidados á presentación da nova marca de NGB, Abanca, non puido reprimir unha ira que o estaba levando a falar nun ton ben alto, arredor dos traxeados para que, obviamente, o escoitasen. Eu, que tamén estaba alí, e levaba un traxe (non por ser convidado, mais por estar traballando no evento), pensei por un momento xirarme e comentarlle que por moito que berrase ao meu carón, non tiña eu, nada que ver con aquel circo. Non era máis eu, que un dos trapecistas.

Mais non quixen pór en perigo a miña profesionalidade, así que gardei para min o que meu é, non sen cuestionarme cal foi o motivo polo cal non houbo ningún tipo de manifestación e protesta por parte dos afectados polas preferentes. Eles, que xoves tras xoves están na porta da sucursal de, agora Abanca, en Praza Galicia, non apareceron polo Auditorio, a pesares de que sería unha ocasión perfecta xa que asistía o Presidente Feijóo, e a atención mediática era alta. Pero nada, nin alí, nin no paseo que lles demos ata o Hostal dos Reis Católicos, nin no Obradoiro, houbo protesta algunha. A mínima presenza policial (un furgón ao lado de Raxoi) leva a pensar que sabían de antemán que nada ía pasar, e para calmar aos afectados, tiveron que ter conversas previas, ou polo menos así se escoitou nalgúns currunchos do acto. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...