6.30.2014

Galicia Portobello Road

136
"Portobello Road, Portobello Road, donde se vende y se compra hasta el sol...", cantaba o falso mago interpretado por David Tomlinson en La Bruja Novata, xunto a unha meiga —Angela Lansbury— que aprendera a facer feitizos por fascículos nunha película que contaba co Londres de comezos da Segunda Guerra Mundial (1940) como un dos seus escenarios.

Aquela rúa, Portobello, no filme, estaba chea de vendedores e de música. De antigüidades, arte, libros, e xoias. Así, pero sen bailaríns e soldados, a vimos eu, e un grupo de amigos, cando decidimos, con dezaseis anos, írmonos de vacacións á cidade da que tanto nos falaran. Tanto foi o que me quedou por visitar e re-visitar, que volvín dúas veces máis, e logo, funme a estudar un ano a Southampton, mantendo sempre o contacto cos meus curmás londinienses, fillos dun irmán do meu pai que emigrou á capital inglesa hai máis de trinta anos.


Moitos galegos foron parar alí, e seguen a facelo (do meu pobo, O Grove, sei de máis dunha ducia), e a súa pegada é evidente a través dos negocios que alí abriron, onde se mistura o galego e o inglés con gran naturalidade, amais dos que estudan a lingua galega no colexio Cañada Blanch. Afectada por este contexto, por este background, a directora e guionista Adriana Páramo, está na procura de micro-financiamento en Verkami, para a filmación dunha curtametraxe chamada Galicia Portobello Road, protagonizada por Mariana Carballal e Lucía Regueiro, cuxa sinopse é:
«A nai de Celtia, María, ten a oportunidade de vender o restaurante que rexentou durante 40 anos na zona de Portobello road en Londres, a unha coñecida cadea de supermercados para poder retornar a Galicia e retirarse alí coa súa actual parella. Celtia, frustrada no seu traballo, ve entón truncado, o seu soño secreto de dirixir o restaurante onde ela se criou. Nun intento de convencer á súa nai para que quede, vai falar con ela, cando María está empaquetando pratos, vasos... e recordos. Nestas circunstancias, as dúas aprenderán a entenderse como mulleres máis alá do seu vínculo materno-filial.»
Para apoiar este proxecto podedes entrar na páxina do crowd-funding aqui, ou ires ao perfil de facebook.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...