2.23.2014

Notas a unha inauguración: «Mato, lo suyo es puro teatro»

011
Apágase a música; ábrese o telón; aparece, granate, unha tarima enmoquetada de aspecto robusto e esquinas redondeadas. No centro, cálida, tínguese a alfombra de luz laranxa de artificio, mentres as actrices e os actores ocupan o seu lugar. "No os alineéis", berra o director, pero eles non atenden ás direccións. Xa non. Levan tanto tempo perpetrando o mesmo papel que esqueceron quitar a careta.

Do que si se lembran é de onde están, en La Coruña. E do que beben, Estrella Galicia. Propagandistas graduados na semántica nula do discurso político, son parte dunha selecta comparsa que non anda con bromas.

Da súa clase poucos son pero das súas decisións, aínda baleiras de responsabilidade social, dependen moitos.

Visten caro, e falan en millas náuticas. Viven para ser expostos en condicións óptimas, e intentan convencernos de que imos todos nun mesmo barco chamado Galicia.

Rematan as arengas.

Desaparece a moqueta. Desgárrana homes envoltos en pó marrón.

Desaparece a tarima, agora de cartón.

Volve soar a música.

La Lupe espétalle a Beatriz Mato.

«Teatro, lo suyo es puro teatro.»

Cérrase o telón.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...