2.22.2014

Xogos de cartas e a República de Platón

                                                          010
Pouco despois de chegar aos dezasete anos, cando estudaba primeiro de bacharelato e a ilusión por aprender era máis doada de reter, atendía ás primeiras  leccións de filosofía como se estivera ás portas da caverna de Platón, e a luz do sol fora tan intensa, que non me deixase abrir os ollos.

Tal foi a isolación que daquela, deume por tomar prestada a República na biblioteca do instituto. Ao final a min, que sempre me gustou ler por ser un acto íntimo, catártico ás veces, de interacción controlable e de emoción variable, custoume varios meses rematar aqueles diálogos encriptados do discípulo de Sócrates. Cada semana, Gerardo, profesor de lingua española e encargado dos empréstimos da biblioteca, recordábame (cada vez con menos vontade) que devolvese o libro, que xa me pasara o prazo. Eu, algunha vez lle dicía que si, que xa... Outras simplemente respondía que ninguén sensato iría coller o libro, e que para iso, para estar no estante, xa o tiña eu na casa.

Contento, ás veces ocurríaseme pensar nunha ringleira de estudantes adolescentes de pé, perante a sala de lectura por antonomasia, desacougados por ler o clásico do filósofo grego. Entón eu teríao que ir devolver, mentres todos me rifaban por ser un egoísta. Por querer a Platón para min só. 

Por sorte ou por desgracia, é, e era máis probable que a ringleira non fora buscar coñecemento a ningures, e que aqueles rapaces so estiveran alí para se mofaren do estraño insensato que en lugar de xogar ao fútbol e ler o Marca, xogaba ás cartas e lía a Platón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...