2.20.2014

Welcome to esperpentoland: coincidencias cósmico-cómicas

006
Hoxe chegou a terceira Revista Luzes. O carteiro meteuna de mala maneira nunha caixa de correo demasiado estreita como para abranguer tanta expresión escrita, provocándolle ás páxinas unha lesión evidente que non fixo máis que agravares a sucesión de acontecementos que xa tiveran lugar con anterioridade. Ao examinar a publicación e ver na contraportada o anuncio avalado por Novagalicia Banco sobre o programa de patrocinio (eles chámanlle mecenado que soa mellor) da Catedral de Santiago, todo pareceume —a consecuencia dun cansazo colateral—, máis esperpéntico do normal.

Para quen non o saiba o programa de mecenado forma parte do Plan Director da Catedral (onde se recollen todas as actuacións necesarias para a conservación da mesma) e pretende recadar cartos para a restauración da fachada do Obradoiro —valorada nuns 3,7 millóns de euros— recorrendo á inversión de pequenas e medianas empresas, dos entes públicos e da poboación de a pé, nunha estupenda campaña de crowdfunding. 

Queiramos ou non, algúns xa formamos parte dos que van pagar a restauración, pois o Consorcio de Santiago cubrirá parte do orzamento con dous millóns de euros. A campaña de recadación virá a cumprimentar os 1,7 millóns restantes (dos cales obtiveron, polo menos 170.000 euros segundo as últimas información) e ofrecen todo tipo de vantaxes ou perks (máis, e mellores, canto máis cartos, obviamente, como en Kickstarter) para os mecenas, amais de advertencias que queren xustificar que nos comprometamos con dita inversión.

Se imos á web habilitada por Novagalicia Banco podemos ler:
A Catedral non xera por si mesma recursos suficientes para a súa conservación.  
A Catedral contribúe á riqueza de Galicia e España. 
Sen Catedral, Galicia e España perderían a súa esencia e parte da súa historia. 
Sen Catedral, non hai Camiño.
Un pode estar de acordo ou non cos tres últimos, pero o primeiro, é, a todas luces, non-verificable; a catedral, entre outras cousas, non paga tributos ao Estado e non ten a obriga de publicar (todas) as súas contas, baseadas fundamentalmente en doazóns (diñeiro negro), a pesar de que aduzan maiores ingresos dende o museo que dende os fieis. As únicas referencias contables das que dispoñemos —polo menos foron as que conseguín atopar— publicáronse tras o (tamén esperpéntico) roubo do Códice Calixtino, e datan de entre 2002 e 2011. Nelas reflíctense déficits en anos non-santos (33.000 euros en 2012), compensados cos superávits dos Xacobeos, e unha media de ingresos de 1,5 millóns anuais.

Cando foran feitas públicas estas contas non todo o mundo tragou a bóla sen máis, xa que a lebre saltou a razón de que na casa do electricista atoparan (amais do Códice) 300.000 dólares, e un total (e aquí vén, unha coincidencia cósmico-cómica) de 1,7 millóns de euros; o mesmo que piden agora no programa de mecenado. Se esquecemos os cartos que puido ter gastado, sumamos dólares con euros, redondeamos a dous millóns de euros e dividimos estes cartos por 25 anos (supoñendo que roubou dende o principio, o que non é probable), achamos que Manuel Fernández Castiñeiras tivo que levar un total de 80.000 euros anuais, o que son 219 euros diarios. E isto tendo en conta que estamos a calcular á baixa e aceptamos que o home roubaba todos os días, xa que puido ter extraído os cargos nun só día, ou en dous, ou en 30; e que ademais puido facelo sen que ninguén os botase en falta.

Podemos sacar unha conclusión fiable de que a Catedral de Santiago mentiu na súas contas, e de que poden afrontar a restauración da Fachada do Obradoiro (e o resto de puntos do Plan Director) sen necesidade de acudir ao crowdfunding? Non. Coñecemos a algún cura de parroquias que circule en Mercedes Benz e teña as billas bañadas en ouro? Eu si.

Estiveron máis de 800 anos construíndo unha catedral cos cartos dos fieis e os botíns dos infieis (daquela non había fondos FEDER) para perpetuar o dogma da igrexa católica, baseándose nas supostas reliquias dun home que supostamente viviu hai dous mil anos, e agora que o negocio lles vai (supostamente) mal pretenden convencernos de que a catedral é de todos e de que temos que ingresarlle o pouco que podemos aforrar nunha conta en Novagalicia Banco para que, xa non só arranxen a fachada, senón que, xa de paso, a entidade bancaria poida lucrarse dun modo ou doutro destes depósitos; amais de negarse a entregar á xustiza aos centos (por non dicir miles) de sacerdotes pederastas que supoñen un problema estrutural nunha igrexa que segue a considerarme unha persoa "mentalmente inmadura" por me sentir atraído sexual e sentimentalmente por xente do meu propio sexo?

Engádanlle a isto que a Infanta Cristina non sabía o que asinaba, pero os afectados polas participacións preferentes si, e non me quedar máis que dicirlles que welcome to esperpentoland.

Por sorte (penso e pensei) non todo son malas noticias e Gayoso (o do banco, non o da tele) e cinco ex-directivos, están un paso máis preto de non saír impunes dun (suposto) cobro indebido de prexubilacións millonarias. Hai que ver se Ismael Moreno, o xuíz da Audiencia Nacional chega ata o final antes de que estes amables señores teñan que darlle explicacións a San Pedro.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...