2.16.2014

Aborto libertario (?)

003
Segundo o anteproxecto de "Ley Orgánica de Protección de la Vida del Concebido y de los Derechos de la Mujer Embarazada" prohibirase a publicidade das clínicas nas que se practican abortos. Para calquera fillo de veciño, un modo obvio de obstaculizar e invisibilizar este tipo de práctica. Pero non, xa Gallardón afirmara ao respecto a finais do ano pasado que ha medida debíase a que "no es un producto de consumo y esa información solo deben facilitarla los especialistas"; porén permítese a venda de produtos financeiros de alto risco e complexidade a pequenos aforradores e reducen as prestacións e seguridades sociais mentres se publicitan seguros de vida que se nutren do medo e vulnerabilidade das mulleres fronte ao cancro de mamá.

Unha mostra da actitude contraditoria dun Executivo que non sabe a que santo encomendarse. Por un lado, predican e difunden (sen nomeala, pero practicándoa) a palabra do neoliberalismo como amuleto do triunfo e pretenden liberalizar (precarizar) o mercado laboral; e por outro esquécense do laissez-faire para acoutar e limitar os dereitos das mulleres para cos seus propios corpos en aras de protexer a vida (?) e dereitos dos non-natos. Se ben no seo de todo partido político resultan inevitables este tipo de aporías, a nova das mulleres españolas que acudiron ao rexistro mercantil para se converter en propietarias do seu corpo (furtado), non deixa de ser un paradoxo, pois a defensa da persoa como propiedade privada individual é un dos preceptos dos libertarios (anarquistas capitalistas) como o era o estadounidense Murray Rothbard:
A maior parte da discusión sobre este tema non pasa da consideración de nimiedades tales como cando comeza a vida humana, cando —ou si— o feto pode ser considerado vivo, etc. Todo isto é verdadeiramente irrelevante no que respecta á legalidade (de novo, non necesariamente á moralidade) do aborto. O antiabortista católico, por exemplo, declara que todo canto reclama para o feto son os dereitos de calquera ser humano, neste caso, o dereito a non ser asasinado. Pero aquí hai involucradas outras cuestións, e esta é a consideración crucial. Si se lle recoñecen ao feto os mesmos dereitos que aos seres humanos, preguntémonos: Que ser humano ten o dereito de manterse, como un parasito indesexado, dentro do corpo dalgún outro ser humano? Este é o núcleo da cuestión: o dereito absoluto de toda persoa, e en consecuencia de toda muller, á propiedade do seu corpo. A nai que aborta extirpa do seu corpo unha entidade indesexada. 
(Hacia una nueva libertad, el manifiesto libertario, 2005)
Probablemente os motivos que levaron ao devandito grupo de mulleres a rexistrar o seu corpo no Rexistro Mercantil de Bens Inmobles, non teñan nada que ver co pensamento rothbardiano, nin, consideraran o aborto como a expulsión dun parasito indesexado; mais o punto de vista do filósofo estadounidense, se ben extremista, non deixa de ser interesante e provocador, e a acción das mulleres (ao parecer en base a unha proposta da artista Yolanda Domínguez), un exemplo de protesta creativa e, obviamente, tamén provocadora.


A modo de corolario: resulta curioso, como discursos diverxentes e afastados tanto en procedencia como en formulación, poden atopar puntos en común.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...