2.26.2014

«No mear en la puerta, llamamos grúa.»

                                 014
Tras pasármonos a modernidade intentado establecer unhas leis morais universais, un marco regular vinculante para todos os individuos da sociedade, chegamos a unha fase histórica na que, corrido o veo do cinismo e o relativismo cultural, resolvemos que calquera busca neste senso devirá en aporía: é dicir, unha contradición ou paradoxo irresoluble. Beneficiar ao próximo producirá unha desvantaxe equivalente, en nós mesmos. A constante reformulación do que é correcto ou erróneo, os cuestionamentos éticos das costumes de etnias chegadas a territorios hai tempo pechados á pluralidade racial e relixiosa; a discusión na palestra pública de (co)opinión verbo de escándalos sexuais (véxase Woody Allen, Strauss Kahn, Berlusconi, Polanski...), conflitos de intereses (Enron, Goldman Sachs, Bankia...) ou ata onde debe chegar a transparencia informativa (Assange, Snowden...), son tópicos típicos da nosa posmodernidade.

Asuntos que ao trazar unha liña perpendicular de arriba a abaixo, lonxe de seren divagacións filosóficas, adquiren entidade física (ao mellor o golpe vai en forma de 300 euros) e esmagadora cando nos multan por actitudes que son consideradas inapropiadas na vía pública (véxase mexar na mesma, ou beber alcol). Todos son convencións declaradas lei en aras dunha convivencia non-conflitiva, para unha sociedade non-revolucionaria, e uns individuos heterodirixidos —en tanto que non precisan decidir que ser, mais só consumir seres-obxectos).

A respecto desta complicada discusión, Zygmunt Bauman, precisa, de forma moi intelixente que, se ben nunca nos poríamos de acordo en como un home se debe comportar, si podemos consensuar:
«Ninguén lle debe facer dano a outro porque isto vai en contra do propio interese, polo menos a longo prazo, aínda cando unha persoa miope e torpe supoña o contrario. Ser desprezado por aqueles con quen vivimos é unha carga que ninguén podería nin debería soportar, explicaba Voltaire; por iso, 'calquera home razoable chegará á conclusión de que ser unha persoa honesta é a todas luces conveniente' (Tratado de metafísica). Confrontada cos feitos, calquera persoa razoable debe aceptar que facer o ben é mellor que facer o mal. E, ao aceptalo, a razón vén auxiliar ao amor propio, e o seu encontro actúa no nos amor propio adecuadamente entendido.»   
(Ética Posmoderna, 2005) 
Velaí que todo acto realizado en prexuízo do Outro devirá nunha consecuencia negativa para o Un. Se me aparcas o coche na porta do garaxe chamo á grúa. Porén, a ecuación complícase cando en lugar de esmorguentos, mexadas e guindastres, falamos de ficcións políticas, paradigmas culturais, construccións discursivas, costumes relixiosas, etc. Pero iso xa o discutiremos noutro artigo. Este post só vén motivado por esa fantástica fotografía que tomei ao volver de A Coruña. A inspiración camiña por lugares inesperados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...