2.22.2014

"Desculpe, señor presidente"

009
A primeira e penúltima vez que vin a Alberto Nuñez Feijóo en persoa, saía el dun café de Compostela, cunha pashmina azul, e aínda non era presidente. O segundo e último encontro foi máis intenso e anos máis tarde, cando eu comezara na Axencia Galega de Noticias, onde amais de facer boas amigas, aprendín a escribir do que non me importaba, é dicir, instruínme na profesión de xornaleiro da información.

Foi un 10 de febreiro de 2010. Inaugurábase o Centro Sociocultural de Caixanova, e a fusión das caixas galegas era tema candente. A maioría dos medios alí presentes non tiñamos moito interese por pasarmos máis dunha hora de pé, escoitando como se untaban xabrón uns ós outros, pero foi o que fixemos. Queríamos respostas do presidente, ter a oportunidade de facerlle unha pregunta, así que tras un tedioso sermón, tivemos que ir dar unha volta ao centro, nunha estupenda visita guiada. Eu, que era (e sigo a ser) un amateur, me preguntaba por que ninguén se dirixía directamente a Alberto que, coma nós, puña cara de interese e sorría de vez en cando.

Eran preto das nove da noite, e xa levabamos alí unhas dúas horas cando a súa responsable de prensa nos dixo que non ía facer declaracións ao respecto. Pero a pesar de todo, e agora xa, no frío da rúa, acougamos na porta, por se había sorte; quizais fixera un canutazo, que, en xerga xornalística, é unha desas declaracións que todos vedes na televisión onde un persoeiro político conta catro cousas rodeado de micrófonos e gravadoras.

Pasaban os minutos, aumentaba o cansazo e o frío, e Feijóo que non saía. Algúns compañeiros decidiron marchar, con razón. Pero despois de dúas horas a esperar por catro palabras, eu non tiña intención algunha de irme sen, polo menos, intentalo. Chegou o momento, chegou o coche oficial. Flanqueamos a saída. Alberto saíu rodeado dos seus; ninguén lle cortou o paso. Xunto antes de entrares no seu transporte de fuxida, achegueime e díxenlle, "desculpe señor presidente". Xirouse, miroume, engurrou as cellas, e desapareceu entre cristais opacos. Non me lembro do que lle preguntei. Algo das caixas seguro. Imaxino que cando estaba sentado no automóbil alguén lle preguntaría, "y ese, ¿que quería?", "nada, preguntarme sobre la fusión", "estos periodistas jóvenes...".

E todo isto veume á cabeza, por esta fantástica serie:
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...