2.15.2014

Cultura galega glocal

002
A primeira vez que pisei as instalacións da CRTVG, como bolseiro, unha recepción de gaitas deume a benvida. Eran parte dunha banda, dalgún pobo galego, que actuaba nese senlleiro programa da tarde que se deu en chamar A Solaina. Aquel día só me faltou cruzarme con Xosé Ramón e Xosé Manuel para que a marca de A Galega me impregnase por completo.

En poucos meses puiden coñecer de preto numerosos pobos e aldeas da xeografía galega; os problemas existentes cos xabarís, coas toxinas, coas veciñas e a invasión das vías de servidume; o prezo do percebe, as patacas, cabazas e demais hortalizas xigantes que medran nas leiras da Galicia, os temporais que impiden faenar, as fochancas, os estaleiros, e os refuxios de cans.

Tamén, non en moito tempo, me decatei de que o que eu facía alí, e a maioría dos contidos que me rodeaban, daban conta, da realidade (si) pero non da miña realidade, e, ergo, non da realidade de moita outra xente que comparte a miñas circunstancias grosso modo.

A necesidade de falar dos artistas, das creacións, dos detalles e accidentes que me rodeaban daquela, fixo posible (e necesaria) a creación de Culturadeseu.

Durante dous anos veño falando de arte contemporánea. Proxectos novos e alternativos na súa meirande parte, que resultaron en boas e interesantes amizades. Pero, para conseguir o reto dos 365 días, 365 posts, non me abonda con escribir unha reportaxe cada dúas semanas, verbo dunha exposición, entrevista ou concerto. Preciso ampliar as fronteiras, e non só a nivel temático, mais tamén xeográfico. É por iso, que agora, na descrición deste blogue aparece a palabra glocal.

A primeira vez que escoitei este vocábulo foi da boca dun profesor da facultade de xornalismo. O tan querido como odiado, Manuel Outeiriño.

Non sei se foi por mención de Ulrich Beck ou por divagación, pero o mestre Outeiriño falounos desta amalgama entre globalización e localidade onde ambas instancias se misturan e confunden, a pesares dos (sobre)esforzos por establecer barreiras de carácter cultural que lonxe de arranxar as cousas, —considero— provocan un cerramento prexudicial, que, como xigante con pés de chumbo, desacelera a rexeneración das formas de creación vangardistas.

A cuestión de fondo é que, dado que non existen tribunas institucionais (como as refería Van Dijk en Discurso, poder e acceso) que dean voz á contemporaneidade galega glocal en calquera das súas manifestacións, e dado que somos consumidores (homes heterodirixidos, que falaba Umberto Eco en Apocalípticos e Integrados) expostos a todo tipo de estímulos, sexan estes globais ou locais, e animais políticos e sociais en continua interacción con nós, e co que nos rodea (sexa isto local ou global) e formamos a partires de aí o noso imaxinario persoal, a nosa forma de entender o día a día, en base a ideas próximas na xeografía ou afastadas fisicamente pero moi pretas grazas á globalización; propóñome falar de todos aqueles contidos que resulten interesantes, e que en maior ou menor medida inflúan na visión que gardamos (gardo) do mundo.

Trátase de esquecer categorías (os xornalistas tendemos a estereotipar e a ordear todo en caixiñas con etiquetas no exterior) para ulteriormente formar unha imaxe, senón totalmente fiel, si máis honesta, cun mesmo, e coa lebenswelt.

Trátase, ademais, de combater unha poderosa creadora de significados como é a "nosa" televisión autonómica, onde, como me comentaba unha colega de profesión que traballa no ente público, non se quere falar de "cousas actuais, por que non interesan". É dicir: "intentemos perpetuar un modelo obsoleto, e evitemos que os que nos ven teñan se queira que pensar no que ven e porqué o están a ver".

E a xente acabará por falar coa televisión, mentres lle queiman os libros no pórche.

Este artigo é, en definitiva, un intento por establecer un marco de coherencia entre todos os posts que se publicarán de aquí en diante. A mesma coherencia que mostrou o comisario Valentín Roma ao rexeitar o premio ao mellor proxecto curatorial do 2013 orquestrado por Miguel Cereceda (director do Instituto de Arte Contemporáneo) dentro dos Goyas da arte, RAC (Reconocimiento al Arte Contemporáneo) por que:
«Mi trabajo no tiene nada que ver con esta visión del arte acrítico y amable, heroico y nominal. En un momento de precariedad cultural como éste por el que pasamos no se puede hablar de visibilidad como urgencia, porque hay cosas más importantes que acatar en el arte. Para empezar, la situación laboral precaria del artista.» [...]

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...